Outro 25 de Xullo

Xerardo Estévez
Xerardo Estévez PAISAXES E PALABRAS

OPINIÓN

Bóvedas de San Martiño Pinario.
Bóvedas de San Martiño Pinario. X. Estévez

01 ago 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Nos momentos difíciles, a carón das institucións. Así foi o 25 de xullo na igrexa de San Martiño Pinario, diante da lígnea escultura calada feita retablo por Fernando de Casas, ouro que multiplica as luces que entran desde a cúpula. Neste escenario magnífico, onde a sucesión das bóvedas artesoadas realza a música que descende desde o coro, celebrouse unha ofrenda ao Apóstolo sobria e solemne, ecuánime en relixión e laicidade. Compartimos a beleza e a espiritualidade que fan vibrar os sentidos coas artes, e o don da palabra nun momento en que, tal como dixo o arcebispo, estamos todos na mesma barca, fráxiles e confundidos.

Felipe VI fixo un discurso impecable, evocando o Fisterra que transformou Europa a través do camiño de volta. A pandemia únenos e agroma a cohesión que desexabamos. Detrás do corno da abundancia dos euros hai un proxecto filosófico e ético que semella renovarse, a práctica da solidariedade entre o norte e o sur, entre os países máis prósperos e os que o son menos, mediante un acordo da esquerda e o centro, como é adoito.

Neste contexto segue parecéndome acaída a proposta que formulara nas páxinas de La Voz, unha declaración de Compostela en torno ao papel articulador dos Camiños de Santiago en Europa, que podería auspiciar o alto representante da UE para a política exterior, Josep Borrell, que tanto contribuíu, como o seu predecesor Javier Solana, a promover a ruta xacobea alá polos anos 80 e 90.

Mentres nos dirixiamos en comitiva solitaria cara ao pazo de Raxoi, pensaba que nesta situación crítica non se pode abrir un debate constitucional do calado de monarquía ou república. En troques, habería que seguir na liña do ensaio federalista que emerxeu durante o estado de alarma coa conferencia de presidentes. Porque, como di o proverbio, cando sopran ventos fortes en vez de levantar muros é mellor construír muíños.

Preparar a Galicia post-covid case depende máis da cordura das persoas ca das ideoloxías. Por poñer un exemplo, sei da sensatez dos portavoces da corporación municipal de Santiago e me pregunto a que esperan todos para dar o paso a un programa consensuado para saír da escuridade, na busca de novos emprendementos alén do turismo e o inmobiliario.

Combinar saúde, reparto da riqueza e sociedade en termos de convivencia e mesmo psicolóxicos, onde os afectos xogan un papel determinante, é tarefa difícil: cumprir normas e manter distancias, pero sen asistir ás exequias do tecido socioeconómico, en particular o da pequena e mediana actividade empresarial e familiar.