Mobilidade artificial ou pensada

Xerardo Estévez
Xerardo Estévez PAISAXES E PALABRAS

OPINIÓN

Denís E. F.

15 ago 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Hai varias formas de enfrontarse a esta crise infecciosa. Uns argumentan que todo volverá ao seu, coas paixóns inmobiliaria e turística acendidas, mentres os transcendentalistas proclaman que é o momento de transformalo todo. Outros, en fin, preguntámonos que se pode modificar, abrindo novos hábitos sociais e creando economías para unha sociedade post-covid.

Por exemplo: É posible introducir cambios no uso do espazo civil, nas rúas e prazas onde elaboramos a convivencia cada día? Cabe repensalo como un lugar funcional que temos que repartirnos acotío?

Desde hai tempo, as cidades europeas tentan asegurar a mobilidade en torno ao uso da bicicleta, con ou sen motor. En Galicia, onde coexisten as diversas modalidades de habitar, a cidade histórica peonil, a densa dos ensanches, a rururbana diseminada e a netamente rural, é algo máis difícil. A medida que nos achegamos aos centros urbanos a convivencia co peón pódese volver complicada, e isto non se vai resolver multiplicando as ordenanzas. A normativización a ultranza da actividade humana impídenos compartir a liberdade do uso da rúa entre todos e, o que é peor, pensar o modo de concertala. Antes de encher as cidades de dispositivos smart que nuns poucos anos poden quedar obsoletos, convén marcar os desafíos. Quizais é o momento de introducir definitivamente un canon de circulación nas vías urbanas e incluso nas periurbanas: vehículos a 30 por hora, cidadáns a 4 ou menos e dúas rodas a 20. A convivencia resultaría máis doada e non sería necesario segregar o espazo por funcións, prescindindo de beirarrúas e bolardos cunha rasante común.

O dilema transporte público ou transporte privado, con ou sen condutor, vai cambiar radicalmente a mobilidade, cos drones pedindo espazo. A clave, ademais de regular a velocidade, é establecer as prioridades, a conciliación no uso da rúa, primeiro as persoas vulnerables ou con mobilidade reducida, despois o peón, o transporte público, logo as bicicletas e similares e o coche.

Un espazo comunitario reversible facilita exercer as distintas demandas ao longo do día e das estacións, desde a festa ou a manifestación ata o desfrute das terrazas ou poder mercar con tranquilidade. Xa non é o momento de facer urbanizacións ríxidas, porque os habitantes temos dereito a trazar coas nosas pisadas a arquitectura da cidade.

A cidade necesita pensamento continuado. A tecnoloxía e a intelixencia artificial, que son moi útiles, teñen que estar ao seu servizo e non ao revés.