O primordial, a coordinación

Pedro Puy
Pedro Puy TRIBUNA

OPINIÓN

No disponible

23 ago 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

As disputas entre gobernos son inherentes ao federalismo: «É claro que se non hai disputas, ou o sistema político federal foi plenamente centralizado; ou ten colapsado». A tal conclusión chegaba, no ano 1987, un dos máis recoñecidos politólogos norteamericanos, William Riker. Dacordo coa súa tese, o Estado das Autonomías goza de boa saúde. Porque a diferenza do que ocorre nas ditaduras, nas democracias é máis difícil adoptar decisións políticas porque o número de actores que participan no proceso decisorio é moito maior, e por tanto tamén son máis os intereses en conflito. E estes custes, denominados «custes de transacción», increméntanse substancialmente cando o sistema político está descentralizado, e son moitos os gobernos que se reparten as competencias políticas. E precisamente porque os custes de adoptar decisións políticas nun sistema federal son maiores que nun sistema centralizado, é habitual que as constitucións federais introduzan mecanismos institucionais que permitan reducir eses custos: tanto mecanismos para resolver conflitos competenciais, coma o Tribunal Supremo norteamericano ou o noso Tribunal Constitucional; como mecanismos para facilitar a coordinación das decisións, sexan lexislativas (por exemplo con cámaras representativas dos intereses territoriais, ao estilo do Senado alemán) ou dos executivos (como na Conferencia de Presidentes en Austria). Nun sistema federal, a coordinación é chave para resolver disputas e adoptar decisións. Na nosa Constitución aparece con particular profusión no artigo 149, o que delimita as competencias exclusivas do «Estado» (e non da Administración central). Por exemplo, é competencia exclusiva do Estado, e non da Administración central, a coordinación da planificación xeral da actividade económica; ou da investigación científica e técnica; ou a «coordinación xeral da sanidade», o que visto desde a perspectiva de hoxe mesmo ten a súa importancia.

«Coordinación» é unha palabra interesante: o seu uso é amplo ao final da Idade Media, a partir do latín tardío, e significando algo así como «axustar combinando ou unindo con outra cousa», evolucionando cara un «axuste harmonioso da acción». Aúna a vella raíz prelatina «ordn-» (fila, orde) co prefixo «co-» («con» ou «xunto»). Por moitos motivos, algúns mais entendibles ca outros, pero que agora non veñen ao caso, o certo é que o noso particular sistema federal, o Estado das Autonomías, adoece de falla de mecanismos de coordinación intergubernamental eficaces, que axusten con harmonía as decisións. No nivel lexislativo a reforma do Senado segue paralizada; e no executivo a Conferencia de Presidentes non acaba de consolidarse, por moita reunión telemática que se convoque, como unha instancia verdadeiramente codecisora. O único que semella funcionar, e vai por barrios (¿canto leva sen convocarse a relativa ao financiamento das comunidades autónomas?), son as conferencias sectoriais; Quizais por ser de menos nivel político e maior especialización técnica. E cada vez que as institucións do Estado se enfrontan a un reto extraordinario (un Prestige, un coronavirus,…) a falla dunha boa estrutura institucional de coordinación entre gobernos bótase máis en falta.

A aparición do termo coordinación é parello a outros termos que utilizan a mesma raíz «ordn-» combinada con diferentes prefixos. Por exemplo, «subordinación», que reflicte dependencia a un superior xerárquico, ou centralización. Ou «insubordinación», que implica insurrección ou alzamento contra a autoridade existente, un colapso do sistema. Evidentemente, nun sistema democrático e federal coma o noso a resolución dos conflitos e disputas que lle son inherentes non se resolven nin con subordinacións nin con insubordinacións: O primordial é a coordinación. Ou sexa, o primeiro na orde.