
Sen acadar a gravidade sanitaria de marzo, España está pasando a ser o país con máis contaxios da pandemia. A persistente porfía inculpatoria entre os partidos fai perder un tempo precioso para buscar solucións reflexionadas en común, dada a enorme complexidade do asunto. Asistimos perplexos ao uso da política xusto para o contrario do que vale, cando menos ata o recente acordo de mínimos en educación.
Non é un problema ideolóxico, senón táctico. A oposición pensa que se o Goberno acerta non os beneficia e, en vez de argumentar e axudar, póñense radicais. O Goberno, pola súa parte, non sabe ou non quere implicar á oposición.
O máis grave desa forma de actuar curta de miras é que transmite á cidadanía un escenario que invita á relaxación, actuando os políticos irresponsables como influencers do inconsciente colectivo.
O estado de alarma entendeuse como unha intrusión do Goberno da nación nas autonomías, pero agora úrxenlle que interveña. A única fórmula eficaz para afrontar a crise é continuar na práctica federalizante ou de cogobernanza mediante as conferencias sectoriais e entre presidentes.
E, por se fose pouco, o esquerdismo colócase de perfil, critica os socios de Goberno e lanza o absurdo dilema de monarquía ou república. A monarquía parlamentaria e a democracia non necesitan defensa. A historiografía recoñece que a Transición se fixo ben, política e cidadanía ían ao unísono construíndo entre todos un grande espazo social e económico. Daquela, España xogaba en primeira división cando a alianza franco-alemá-española ideou un novo marco europeo.
Mitterrand, Kohl e González participaban dunha mesma idea, ao igual que ocorre cos instrumentos da orquestra nunha sinfonía, cos seus tempi presto ou lento, ou coas mareas bravas ou calmas: hai un discurso, un espírito que as acompasa.
Naqueles momentos, Juan Carlos I tivo un papel esencial. Non sei se agora se trata dun xogo de dobre personalidade, espero que a xustiza o aclare. Namentres, debemos escoitar o rei emérito mantendo a presunción de inocencia.
Pero os afáns da España e da Europa de hoxe non poden ser os mesmos que hai catro décadas. Pensaba que a pandemia sería a oportunidade para achegar unha certa calma, para dialogar en termos xeracionais e políticos. Mentres Europa parece reaccionar, aquí falta aínda ponderación, sensatez, honestidade. Si, honestidade, que non só é unha cuestión de corrupción ou decencia, senón tamén de saber dedicar o tempo e a intelixencia ao esencial.