Pensións, podemos pagalas

Xoaquín Fernández Leiceaga EN LIÑA

OPINIÓN

E. Parra. POOL

16 sep 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

O ministro Escrivá compareceu na comisión do Pacto de Toledo explicando a posición do Goberno en relación co futuro das pensións. Fixo unha exposición rigorosa, con afirmacións que noutro contexto serían obxecto dunha ampla atención pública. Me temo que pasaron desapercibidas, engulidas pola avalancha cotián de dramáticas noticias.

Primeira aseveración: o sistema de pensións está en equilibrio económico, con déficit contable. Por que? Porque as contas da Seguridade Social están asumindo gastos impropios (como as bonificacións ás cotizacións e moitos outros) que superan o déficit. A separación das fontes de financiamento (trasladar os gastos impropios ás contas da Administración central, en suma) permitiría equilibrar o sistema. Non se trata dunha operación banal, de simple anotación: modifica comportamentos, desfai incertezas e amplía opcións.

Segunda aseveración: a actualización das pensións vixentes co IPC é unha solución que nos achega aos restantes países europeos. Que ou ben utilizan este sistema ou outro similar, fronte ao 0,25 % de actualización anual (réxime actual) que suporía unha caída insólita do poder adquisitivo das pensións no medio prazo. O ministro non dixo, dígoo eu, que a pensión de xubilación media das novas altas no réxime xeral hoxe sitúase en 1.500 euros. Non parece existir un problema coa contía das pensións, por máis que algunhas prestacións deban ser revisadas.

Terceira afirmación: o impacto do avellentamento é soportable, aínda incluíndo a garantía de actualización polo IPC. Claro que a evolución demográfica vai supor unha presión adicional sobre o sistema, pero a situación de partida do gasto en termos comparados con outros países europeos indica que existe un marxe de subida; e no peor dos momentos, alá por mediados do século XXI, estariamos dentro do rango estimado para os países da nosa contorna. Os augures da quebra do sistema non utilizan unha base empírica sólida.

A eliminación de gastos impropios e a aproximación da idade de xubilación efectiva á legal, modificando os incentivos, serían reformas imprescindibles.

Estas sólidas apreciacións do ministro Escrivá permiten inxectar confianza nas rendas futuras dos pensionistas e na estabilidade do noso sistema de pensións. A visión pesimista tan instalada en amplos sectores da opinión pública non é válida. As reformas que debe abordar con prontitude a comisión do Pacto de Toledo están ben orientadas para atender á vez ao equilibrio financeiro e á sustentabilidade social.