Foise un mestre

Pedro Puy
Pedro Puy TRIBUNA

OPINIÓN

PACO RODRIGUEZ

04 oct 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Nos estertores dunha sociedade autoritaria, era un sopro de aire fresco. Cando entraba na aula, xeraba tranquilidade e espertaba a curiosidade. Tarefa complicada diante de corenta efervescentes adolescentes de 14 ou 15 anos. Tranquilidade, porque daquelas no centro educativo no que impartía docencia, a inicios dos setenta, a disciplina, incluso a física, aínda se aplicaba con frecuencia aos rapaces (só rapaces: para a xeralización da educación mixta aínda faltaban anos). El era unha excepción: se facías algunha trasnada, convidávache educada e pacientemente a ir ao patio a xogar á canastra. Curiosidade, porque nunca sabías por onde ía saír. Normalmente ensinaba lingua (daquelas, obviamente, castelá), que era ao que teoricamente se destinaba a hora docente, pero improvisaba xeitos de facer entender a sintaxe, nas que ata el algunha vez se ten perdido ao longo dunha análise arbórea que se alongaba por baixo do encerado. Pero outras veces, coa lingua como desculpa, iniciábanos en cuestións das que ninguén nos falara antes, e das que nos facía falar, e non recitar unha lección memorizada. Unha alusión ás citas bibliográficas convertíase nunha reflexión sobre quen se pode considerar o verdadeiro autor dunha idea ou apropiarse dela; unha mala nota nun exame de avaliación, nunha disertación sobre o significado da responsabilidade.

Leccións que un leva consigo para sempre. Desde entón, se alguén falaba do seu mestre, eu recordaba ao mellor dos meus. Se xurdía unha polémica sobre os plaxios, eu recordaba o que nos dicía das citas. Cando o concepto de responsabilidade se presentaba diante anos despois, lendo a Weber ou a Arendt, eu recordaba o que nos dixera aquel día sobre que ser responsable non é máis, nin menos, que poder responder do que un fixo ou fai. Precisamente sobre a importancia, nestes tempos pandémicos, da política responsable, fixen xirar a miña intervención no debate de investidura a primeiros do pasado mes de setembro. Apropiándome dunhas consideracións de Tony Judt, quen, a partir da distinción weberiana entre a ética das conviccións e a ética da responsabilidade, escribía sobre as tres grandes irresponsabilidades que ao seu xuízo deformaron a política francesa ao remate da Primeira Guerra Mundial (El peso de la responsabilidad, Taurus, 2014). Para apelar á responsabilidade dos grupos da Cámara nestes momentos críticos: a responsabilidade política, que implica antepoñer o interese común ao partidista; a responsabilidade moral, que conleva antepoñer a lealdade ao sistema democrático antes que ás conviccións ideolóxicas; e a responsabilidade intelectual, ou atender á obxectividade factual e científica por encima dos prexuízos. Pasado o debate, repasando como fora a cousa e como non podía ser doutra maneira, pensei no meu profesor, o que me falara hai décadas nunha clase de lingua por vez primeira sobre a responsabilidade.

Un par de semanas despois, o martes 22, folleando a prensa no hemiciclo durante o pleno seguinte ao de investidura, chegoume a mala nova do pasamento de Manuel Quintáns Suárez, o meu profesor de lingua. Sentín non poder facer chegar o meu pesar a súa dona e as súas fillas e fillos; como el mesmo e o seu fillo Manuel fixeron cando o pasamento da miña nai, antes da pandemia. Era, como informaba Antón Mascato na Voz, un cabaleiro do libro e das palabras. Deixa tras de si, na prensa, no Ramón Piñeiro, unha máis que exemplar obra de recuperación do patrimonio narrativo oral galego. E unha morea de rapaces e rapazas aos que formou como só os verdadeiros mestres saben: deixando neles, en algún de nós, unha pegada que o sobrevivirá no tempo.