O programa de obras da catedral de Santiago entra na fase final. Ao longo dunha década desenvolveuse un traballo colaborativo entre a Consellería de Cultura e a Fundación Catedral de Santiago, a través da Dirección Xeral de Patrimonio e a Casa da Fábrica, xunto cos equipos autores dos proxectos e os técnicos e expertos nas distintas disciplinas que interveñen na restauración e rehabilitación. Este labor fixo posible conservar a boa construción, ao tempo que se detectaban e reparaban aquelas alteracións que chegaron a converterse en problemas que aceleraban o deterioro, accedendo a unha fonte inestimable de información sobre a historia construtiva do templo, a súa biografía.
O traballo interdisciplinario esixiu proximidade, nun diálogo eficaz e dilixente, incorporando novas técnicas, tal como recomendan as regras da arte, convencións e preceptos internacionais. Humildade para achegarse no posible á certeza desde a dúbida compartida e acometer actuacións precisas, mínimas, que non comprometan o substantivo da materia convertida en arte. Cautela para buscar o punto de equilibrio entre o espiritual e o artístico/cultural que caracteriza unha catedral de peregrinación, devoción e xentío, para recuperar a serenidade, preparando as capelas absidais como lugares de confesión, na procura do respecto a intimidades e privacidade, e liberando espazo nas naves para os peregrinos.
Mirando ao poñente, a marabillosa unidade espacial do Pórtico da Gloria, encapsulada por mor das obras, acolle no seu reverso un altar provisional mentres conclúe a intervención no cruceiro e a capela maior, que recuperarán a claridade difusa que chega desde o ciborio, facendo estalar en beleza as pinturas, a pratería, a reixería, as madeiras restauradas. Toda esta sinfonía de luces e contraluces naturais compleméntase coa nova iluminación que salienta sobriamente os elementos máis significativos do conxunto. E volverá o botafumeiro, espectacular coma sempre e máis seguro.
Reformuláronse as cubertas pétreas como itinerario histórico e paisaxístico e avanza a bo ritmo a restauración da Porta Santa e da dos Abades, asegurando a barroca balaustrada e recuperando as trazas románicas en perigo. Tamén a solemne escalinata maximiliana e a intervención na cripta, que saca á luz novos achados arqueolóxicos. O empeño en acometer as obras dos lenzos sur e norte da basílica abriu as portas para desentrañar os enigmas que explican as sucesivas capas de arquitectura, os claustros gótico e renacentista, contrafortes que sosteñen a altura dos panos laterais das fachadas ou o redescubrimento da torre do Tesouro, tan impoñente e misteriosa.
Cando a praga desapareza, no esplendor do xubileu, a Catedral dos Camiños emerxerá como símbolo da vontade humana que prevalece sobre o infortunio.