O suicidio e os seus mitos

OPINIÓN

16 jun 2022 . Actualizado a las 20:39 h.

Con demasiada frecuencia, a publicación dun caso de suicidio vai acompañada de comentarios, engadidos e interpretacións sobre as circunstancias, os motivos, os estados de ánimo e todo tipo de elucubracións arredor do falecemento. Cando a persoa que se suicida é coñecida, os espazos de comunicación, ao igual que as conversas nas rúas, énchense de xuízos de valor sobre o feito, a vida e obras da persoa en cuestión.

Posiblemente é inevitable. Ten moito que ver coa nosa necesidade de entender unha conduta, o suicidio, que non comprendemos, asústanos e fainos sentir máis vulnerables. Tamén para intentar atopar as diferenzas que nos afastan dun fin tan funesto. E noticias tan excepcionais como o suicidio dunha persoa condenada por un crime fai que cheguemos a converternos en xuíz e parte e valoremos a conduta suicida como condena necesaria.

Non son quen de xulgar.

Pero é necesaria unha reflexión sobre como tratamos a cuestión do suicidio como cidadáns, medios de comunicación, profesionais e xestores. Porque sendo un problema de saúde pública, de alta incidencia no noso país, e por tanto que nos concirne a todas como sociedade, temos que ser conscientes que alimentando certos mitos e prexuízos non estamos axudando ás persoas que están a pensar no suicidio e non lles facilitamos unha axuda que empeza polo trato desde o respecto e a dispoñibilidade para poder falar sobre o que lle acontece. Poden ser persoas próximas a nós. Podemos ser nós mesmas.

Cales son os mitos tan estendidos como equivocados? Que o suicidio foi unha chamada de atención que «saíu mal»; ou o contrario, quen quere suicidarse está decidido e non ten dúbidas; que quen se suicida só pode ter un trastorno mental; que «quen o di non o fai, e quen o fai non o di»; que quen se suicida é un covarde, ou un valente, ou unha mala persoa ou con «debilidade de carácter». Nada diso é certo. Nada diso axuda para unha boa atención sanitaria.

Condenar, xulgar, tratar informativamente os casos de suicidio desde o sensacionalismo, mostrar rexeitamento ou banalizar o malestar e as condutas suicidas dunha persoa incrementa o risco psicosocial.

Coñecer os sinais de alerta que poden indicar sufrimento interno, como expresar ideas de culpa, impotencia, soidade, desesperanza, falar do suicidio como unha liberación ou unha solución aos problemas; difundir información sobre vías de atención onde acudir son, polo contrario, medidas útiles e positivas na prevención do suicidio.

Porque o suicidio pódese previr.