Tempos difíciles

Víctor F. Freixanes
Víctor F. Freixanes VENTO NAS VELAS

OPINIÓN

13 dic 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Onte, en Santiago de Compostela, a Real Academia Galega celebrou o pleno extraordinaio dedicado ao profesor Ricardo Carvalho Calero. Sesión pública, aínda que condicionada polos aforos limitados que impoñen as actuais circunstancias. A idea da RAG foi, dende o primeiro momento, celebrar a efeméride na cidade de Ferrol, patria primeira do profesor, máis concretamente no Teatro Jofre, territorio simbólico do Carvalho Calero adolescente. A pandemia que nos castiga inpedíu que puidésemos dispoñer dese espazo e acollémonos á Minerva compostelá, a patria académica do profesor. Moitos dos actuais membros da RAG fomos alumnos seus, descubrimos a dignidade culta da lingua nas súas aulas. Xa que non a súa cidade natal, á que poderemos volver cando amaine a treboada, o paraninfo da vella facultade de Filosofía e Letras parecía un lugar axeitado para honrar a súa memoria.

 

Son tempos difíciles. Comentámolo varias veces nestas mareas. Tempos que esixen imaxinación, esforzo, dedicación, traballo e comprensión. Imaxinación para avivar recursos que ata agora estaban inéditos e deben inspirar novas formas, novas linguaxes, novos xeitos de comunicación para estar no mudo. Esforzo, dedicación e traballo porque sen esa enerxía de ser e de querer ser nada se consegue. Comprensión para relativizar as limitacións e os erros que ás veces se cometen (ou padecen), mais que con vontade sempre se superan.

A semana pasada xa falabamos desta cuestión. Unha das novas realidades que veñen impoñer os tempos (e as dificultades) é a incorporación acelerada ás novas tecnloxías da comunicación por parte de amplos sectores da sociedade que ata hai pouco vivían á marxe delas. Novos e menos novos. Os novos habitan dende hai tempo ese universo. Os vellos (e moitas institucións) vense obrigadas a entrar nun xogo que, se sabemos utilizalo, nos enriquecerá, potenciará moitos dos nosos recursos, multiplicará as nosas posibilidades de relación.

De feito xa está a suceder. Iniciei esta marea cunha referencia á celebración do plenario das Letras Galegas no paraninfo da Universidade de Compostela. Cantos puideron seguir o acto de maneira presencial? Para canto dá o aforo completo da institución? Nas experiencias que vimos realizando nos últimos meses (retransmisións via streaming, debates telemáticos, consultas a través da rede, etcétera) as posibilidades de comunicación, difusión e presenza social do discurso multiplicáronse. A Real Academia Galega recibía diariamente arredor de 70.000 visitas diarias: dicionarios, consultas de toponimia e onomástica, demandas de usuarios en arquivo e biblioteca, consultas de carácter lingüístico, histórico, literario, etcétera. Setenta mil consultas diarias para a lingua galega! Tales consultas duplicáronse en pouco mais de seis meses: arredor de 140.000. Tempos difíciles, mais que tamén son oportunidades.