Unha desorde máis perigosa que un superdepredador
OPINIÓN

No debate que se está dando arredor da xestión do lobo hai máis especulacións que razóns e máis pareceres que opinións contrastadas, polo que considero que hai que empezar por baixar á realidade para entender o problema. En primeiro lugar, a supervivencia do lobo non está ameazada, todo o contrario, está en expansión, como o proba que en Galicia pasamos de 237 avisos por ataques no ano 2013 a case 1.000 en 2020.
Quen si se atopa en graves dificultades son os gandeiros, que son quen sofre as consecuencias da expansión das mandas e o custe económico deste mantemento. Hai explotacións sensibles que están moi ameazadas de peche polo efecto do lobo, como as de cabalo do país, as de ovino pola súa indefensión, e as de vacún de carne en extensivo, onde poden chegar a ser impracticables en certas áreas de montaña que, ademais, non teñen alternativa económica.
Neste contexto hai que lembrar que a renda media dun titular dunha explotación en Galicia apenas acada o 70 % do SMI, polo que dificilmente se pode facer fronte aos danos, que no último exercicio superaron o millón euros, aos que hai que sumar 14 millóns máis polos danos causados polo xabaril.
Unións Agrarias aposta por unha xestión integral das poboacións do lobo, de xeito que se garanta a conservación da especie en convivencia coa gandería extensiva que se practica en Galicia. Unha xestión que se debe basear en varios piares: a indemnización dos danos aos gandeiros e axudas para medidas preventivas, a xestión de restos de animais para unha alimentación disuasoria con criterios científicos, e a caza regrada, igualmente con criterios técnicos.
Para os produtores, a caza nunca foi unha ferramenta de xestión poboacional do lobo en Galicia, de xeito que na última década abateuse por caza menos dun animal por ano. Non obstante, entendemos que pechar esta posibilidade nunha normativa de ámbito estatal é un erro, xa que supón renunciar a unha ferramenta de xestión que non ten alternativa nos casos de ataques reiterados ás explotacións por mandas agresivas que se achegan ao entorno das casas, onde matan cans e gando e exemplares problemáticos que precisen de solucións puntuais. Hai que pensar que o lobo é un superdepredador que está na pirámide da cadea trófica, carece de inimigos naturais e soamente a xestión do ser humano mediante caza controlada pode equilibrar as súas poboacións de xeito ordenado.
No capítulo de axudas é fundamental proceder á reforma do mecanismo de funcionamento para que os importes paguen o valor real de cada res, o lucro cesante da morte do animal na produción, de xeito que se paguen nun prazo máximo de dous meses (sen demorar ata máis dun ano como na actualidade) e se revise a casuística da morte das reses sen restos completos. Isto actualmente non se tramita, e véñense rexeitando de xeito crecente as solicitudes de axudas por parte da Xunta, cun nivel de arquivo de expedientes de axuda do 25 % dos mesmos.