Monte do Gozo, por fin

Xerardo Estévez
Xerardo Estévez PAISAXES E PALABRAS

OPINIÓN

DENÍS E. F.

10 abr 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Despois do acondicionamento do Monte do Gozo en 1992 para recibir a visita de Xoán Paulo II, barallárase para a aba do monte a idea dunha especie de parque temático en torno ao Camiño de Santiago. Co tempo, diversos usos urbanos, lúdicos, culturais e hostaleiros fóronse mesturando, e o cumio mantívose ata certo punto co sentido vinculado á culminación do Camiño francés.

Reverdece o Monte do Gozo tras dunha operación de restablecemento do sentido da área, cunha iniciativa que se lle propuxo á Xunta e á Igrexa no marco da intervención promovida por Turismo.

Nun momento en que toda Galicia é Camiño, mesmo en lugares imposibles como illas ou praias, non hai que esquecer que o Camiño francés é o epítome. Por iso era necesario recobrar a dimensión espiritual do cumio do Monte do Gozo como lugar de acollida e reflexión. Que significa isto no século XXI? Alí se produce o encontro emocional entre crentes de calquera fe e non crentes, todos os que, fatigados, terminan a ruta e aspiran a atopar un lugar de silencio reservado para experimentar esa culminación. Alí repousa un pálpito de Europa, tan necesario para saír conxuntamente desta crise. Desde alí divísase, recortadas contra o poñente, as tres torres barrocas da catedral, admiradas por todo o mundo.

Un coidado proxecto de Covadonga Carrasco e Juan Creus restaura a topografía do outeiro, modificado pola implantación dunha desproporcionada escultura que era necesario desmontar, polo risco que presentaba a súa estrutura. Aproveitouse, pois, a oportunidade para redeseñar o perfil do conxunto de lombas e vexetación que coroa o monte. As placas de bronce trasladáronse uns metros, creando un novo lugar conmemorativo.

A operación, que está a punto de concluír, contempla a pacificación da contorna, eliminando obxectos innecesarios: marcos, lámpadas, papeleiras, bancos superfluos, porque os muros baixos e as pradeiras herbosas proporcionan cómodo asento. A mellor arquitectura da paisaxe consiste, moitas veces, en facer apenas nada e liberala de elementos descontextualizados.

Arredor da modesta capela de San Marcos limpouse a vella carballeira que acolle as festas veciñais, e as solitarias acacias que se aliñan por detrás marcan o descenso cara á cidade, que desde o alto do outeiro semella belamente durmida, aletargada nun sono que, esperemos, non sexa eterno.

Ao pé do monte, o descenso á Ponte San Lázaro, de tanta significación e agora profundamente renovado, convida o peregrino a seguir mantendo vivo o anhelo da chegada a Compostela.