O espertar tras a longa noite de pedra

Gonzalo Caballero
Gonzalo Caballero PUEBLOGALLEGO

OPINIÓN

Fernando González Laxe, Gonzalo Caballero e Emilio Pérez Touriño, nun acto de homenaxe ao estatuto de 1981
Fernando González Laxe, Gonzalo Caballero e Emilio Pérez Touriño, nun acto de homenaxe ao estatuto de 1981 Sandra Alonso

25 abr 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Dicía Ceferino Díaz que «o Estatuto de 1981 constitúe unha proba irrefutable de que desde Galicia podemos dirixir a nosa propia historia». O proceso de elaboración e aprobación do Estatuto reflectiu a capacidade de facer boa política na nosa terra. Coa intención de dotarnos de autogoberno e de participación democrática, os políticos da Transición conseguiron en Galicia construír institucións de goberno que permitiron unha mellor elaboración das políticas públicas, pensando nos intereses dos galegos e das galegas.

A unión política plasmada nos Pactos do Hostal, apoiada primeiro nas manifestación cívicas pola autonomía galega e logo no propio referendo, non só conseguiu superar a aldraxe que implicaba converter a Galicia na primeira autonomía entre as de segundo nivel, senón que devolveu a Galicia a dignidade e autogoberno ás que optaba co Estatuto do 36, freado pola sublevación militar. A mellor Galicia espertaba co Estatuto tras a longa noita de pedra que sufriu o país, e cuxa dureza plasmou Celso Emilio.

Sabemos que as catro décadas que transcorreron trala aprobación do Estatuto ata hoxe en día foron a etapa máis longa de democracia e autogoberno da nosa historia. A Constitución que emanou da transición política permitiu, dentro do seu Título VIII, construír o Estado das Autonomías. A España plural, diversa, atopou neste modelo descentralizado, análogo a un modelo federal, unha estrutura de goberno multinivel que deu cabida ao recoñecemento e á sensibilidade das distintas comunidades. Os socialistas galegos xogamos entón un papel histórico fundamental impulsando un Estatuto de primeira para Galicia, análogo ao vasco ou ao catalán. Como sinala o presidente Fernando González Laxe, o Estatuto non foi unha «carta outorgada», senón o resultado dunha loita que non se entendería sen o papel do PSdeG, unhas siglas sempre comprometidas cun galeguismo cívico, europeísta e integrador partícipe da autonomía e das institucións de autogoberno.

Galicia atopou no Estatuto un camiño para defender a nosa lingua e a nosa cultura, para construír sinerxías e compartir un espazo de convivencia que acade solucións máis alá de posicións locais ou provinciais. E as políticas sociais, sanitarias, económicas e culturais, entre outras, atoparon na Xunta un espazo de decisión.

A realidade é que deste xeito avanzamos cara a un sistema cun claro perfil federal. Sabemos que non existe un único modelo federal, nin tan sequera unha categoría de sistemas federais. Pero a vía española das autonomías, con imperfeccións e aspectos mellorables, coma todas, é, en definitiva, un modelo federal de facto.

Cando se cumpren 40 anos do Estatuto de Autonomía de Galicia, cómpre facer un balance fondamente positivo do que o Estatuto supuxo para Galicia sen por iso caer en visións idílicas nin inmobilistas. Xa Ramón Piñeiro salientaba que «a autonomía non é a confirmación do pasado, é a apertura dun camiño novo cara ao futuro». E por iso o camiño da autonomía hai que seguir abordándoo en clave de futuro.

Un primeiro reto é recuperar o espazo perdido na asunción de competencias por parte de Galicia, a diferencia do que fixeron outras comunidades. Nos últimos doce anos de goberno conservador, Galicia non recibiu unha soa nova transferencia, e cómpre requirir o traspaso de varias cuestións que poden ser xestionadas con maior eficiencia desde Galicia. Así o defendemos os e as socialistas de Galicia, ao tempo que reivindicamos que, unha vez superada a pandemia, deberiamos abordar unha actualización e reforma do Estatuto para adaptalo á realidade do século XXI. O socialismo galego ten claro que o camiño para Galicia non é a autodeterminación nin o independentismo nin o eufemismo da confederación, senón unha vía de afondamento estatutario e federal que, dentro do marco constitucional, modernice e perfeccione o autogoberno galego.

A reforma do Estatuto impulsada polo presidente Emilio Pérez Touriño no 2007 recollía a mellor tradición de servizo público a Galicia, a mesma que impulsara aos pais do Estatuto de 1981. Se ben non se puido daquela revivir o acordo político daquel ano, cómpre mirar cara ao futuro e seguir traballando a prol de Galicia. Agora todos os esforzos do PSdeG diríxense a defender as persoas fronte á crise que vivimos. Pero, unha vez superada, máis pronto que tarde, debemos reafirmar o noso autonomismo e o noso compromiso federalista e modernizador con Galicia abordando unha reforma estatutaria ao servizo dos galegos e galegas.