Democracia e autogoberno

Emilio Pérez Touriño PUEBLOGALLEGO

OPINIÓN

Emilio Pérez Touriño, no centro da imaxe, durante unha manifestación reclamando un estatuto de primeira para Galicia
Emilio Pérez Touriño, no centro da imaxe, durante unha manifestación reclamando un estatuto de primeira para Galicia

O expresidente da Xunta fai un repaso histórico dos anos que levaron ao actual Estatuto e reivindica o legado do texto de 1936

24 abr 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

A Transición democrática constitúe un punto de inflexión no porvir da historia de España, coa creba do réxime franquista, ao abrir o camiño ás fondas transformacións políticas, institucionais, económicas e sociais da España contemporánea. O Estado das autonomías, a integración en Europa, a creación do Estado de benestar... non serían comprensibles sen este proceso.

O momento histórico que vivimos na Transición, que culmina en decembro de 1978 coa aprobación da Constitución, supuxo un dos feitos políticos máis importantes da nosa historia. A partir da súa entrada en vigor, os valores fundamentais das sociedades democráticas pasaron a formar parte do ordenamento xurídico como pedra angular da nosa cultura cívica, e a concepción da convivencia. Un feito histórico que consagrou as liberdades públicas e os dereitos sociais, a autonomía dos territorios e o seu autogoberno.

Un período constituínte realizado e viabilizado dende o consenso. Foi decisiva a memoria histórica dos horrores da ditadura e o panorama desolador que ofrecía a historia constitucional española dende o século XIX. Tomouse conciencia da necesidade de superar aquela sentenza lapidaria de Manuel Azaña: «Semella que cada xeración de españois está condenada a reinventar o lume queimando as mans».

A autonomía de Galicia ten as súas raíces na mellor historia do país, no humus xerado polas arelas galeguistas e europeístas dos integrantes da xeración Nós, no pulo modernizador do Seminario de Estudos Galegos. Logo de distintas reviravoltas, o proxecto do Estatuto aprobado na asemblea rexional de municipios de decembro de 1932 celebrada en Santiago foi sometido a referendo en xuño de 1936 como froito do acordo de republicanos, galeguistas, socialistas e, en xeral, das forzas políticas agrupadas na Fronte Popular. O tráxico colapso que para toda España supuxo a Guerra Civil e o posterior establecemento da longa ditadura de Franco botou por terra todo o traballo feito.

O Estatuto do 36 nunca chegou a entrar en vigor, pero a pesar de todas as mal dadas circunstancias que pesaron sobre el, a súa consecuente aprobación nas Cortes republicanas celebradas en Montserrat en 1938 resultaría decisiva para que Galicia puidese ser incluída entre as comunidades merecentes da consideración de nacionalidade histórica, ao chegaren os anos da Transición democrática e da elaboración do vixente texto constitucional.

O proceso de aprobación do actual estatuto tampouco foi lineal. Tras un primeiro intento de reducir o fenómeno autonómico ao País Vasco e Cataluña —no que por motivos case opostos coincidiran a UCD e os nacionalistas—, e de rebaixar os restantes territorios, empezando por Galicia, a un autonomismo tutelado ou de segunda categoría, foi a gran mobilización producida en Galicia contra o que entón se chamou o «Estatuto do aldraxe», impulsada fundamentalmente polos partidos de esquerda non nacionalistas (xunto coa derrota da UCD na ratificación da iniciativa autonómica andaluza), os episodios que determinaron o cambio de interpretación constitucional.

Os Pactos do Hostal, nos que se produce o acordo para o definitivo Estatuto de 1981, simbolizan un triunfo da unidade e da vontade política para poñer o interese de Galicia por enriba dos intereses de partido. Foi un exercicio auténtico de galeguismo por parte de todas as sensibilidades políticas que neles participaron, cunha singular determinación da delegación dos socialistas e os comunistas.

O Estatuto mostrou na práctica a súa plena lexitimación, cunha maioría da poboación que avalía positivamente o seu desenvolvemento, e que se declara satisfeita co nivel de autogoberno acadado.

A autonomía permitiu ter un sistema propio de institucións democráticas de autogoberno, un sistema galego de partidos con eleccións diferenciadas, e axudou a xerar unha fonda conciencia de galeguidade e a protexer cultura, lingua e patrimonio. Ten sido un potente instrumento de descentralización política, que achega o poder á cidadanía, con competencias na xestión de áreas decisivas do Estado de benestar, do territorio e da economía, e cun amplo abano de lexislación propia. Mesmo contribuíu ao proceso de transformacións económicas e sociais características dun país avanzado, aínda que con atrasos e algúns déficits, e a mellorar os niveis de renda e benestar.

Conxugar a diversidade coa cohesión, a pluralidade coa solidariedade interterritorial, e a igualdade entre todos os cidadáns está no cerne do modelo autonómico, cuasifederal, que debemos preservar. No futuro, as necesarias reformas do Estatuto e da Constitución confío en que se encamiñen, dende a unidade e o consenso, cara a corrixir os déficits federais que, por certo, a pandemia está a pór de manifesto: a debilidade dos instrumentos de cogoberno e dos ámbitos multilaterais de coordinación, a capacidade expansiva dos gobernos centrais, as asimetrías do financiamento e a escasa cultura da lealdade federal.