Liberamos as patentes?

Xosé María Torres, Farmacéutico e membro de Farmamundi DECOTÍO

OPINIÓN

XOAN A. SOLER

17 abr 2021 . Actualizado a las 12:52 h.

Máis de 170 ex xefes de Estado e de Goberno pediron eliminar as patentes das vacinas. O primeiro en propoñelo en España foi o presidente valenciano, Ximo Puig, como fórmula para acelerar a produción mundial de antídotos contra o covid-19. A proposta de Puig é unha terceira vía entre o mercantilismo rampante, coas patentes na súa plenitude, e a supresión radical que algúns preconizan: liberar patentes permitindo a produción libre, pero compensando ás empresas. Non é estraño que esta acaída proposta veña de Puig, un dos líderes autonómicos de maior eficacia —reflícteno as cifras de contaxios en Valencia da pandemia, as máis baixas de España—, sen os histrionismos e a intelixencia plana que tanto vemos en periódicos e telexornais.

A liberación de patentes, porén, é un asunto complexo, con debates moi antigos. Unha patente é un título de propiedade (que se pode vender, dividir, alugar ou expropiar) co que se premia aos inventores. Pero, este premio é beneficioso para a sociedade que o outorga? É esencial para as empresas? A patente da aspirina, por exemplo, foi rexeitada en 1899 polas oficinas de patentes de Berlín e Londres, o que non impediu o éxito mundial de Bayer con este analxésico. Ou os millóns de vidas que foron salvadas pola penicilina, non patentada a partir da súa produción en masa en 1943 en Estados Unidos. Todo o contrario do que sucedeu coa epidemia da sida: os medicamentos aparecidos nos anos 80 e 90 foron patentados e vendidos a prezos estratosféricos (10.000 dólares por paciente e ano), o que ocasionou decenas de millóns de mortes, que a industria farmacéutica levará sempre nas súas costas.

Debe repetirse co covid-19 esta traxedia? A iniciativa da India e Suráfrica —suspender as patentes— trata de evitalo. É algo permitido no artigo 31 do ADPIC (Acordo dos Dereitos de Propiedade Intelectual relacionados co Comercio), un acordo fundacional da OMC: a concesión de licencias obrigatorias en emerxencias de saúde pública. Foi o que aplicou Israel en marzo de 2020, acordando a produción local de Kaletra(R) (lopinavir + ritonavir), un fármaco de certa eficacia contra o coronavirus, pagando a AbbVie os habituais royalties, un 5 % das vendas.

O Goberno español debe aliñarse coa iniciativa de India e Suráfrica e marcar unha nova senda na Unión Europea, fuxindo do seu eixo con Estados Unidos, Suíza, Xapón... que chega ata Brasil, país que —liderado polo líder negacionista Bolsonaro— está en contra da suspensión de patentes, pero acaba de lanzar unha petición de axuda sanitaria internacional, desbordado como está coas ucis saturadas e con milleiros de mortes diarias. Aínda hai partido.