Que significa Meirás —e as Torres— para Emilia Pardo Bazán? E que significa Pardo Bazán para Meirás? Das dúas preguntas que me fai este xornal, a primeira respóndea a escritora que nunha carta á súa amiga Carmen Miranda di: «Eu feliz entre acacias e pinos e castiñeiros e ortigas, en Meirás, podando e cavando». E noutra: «Encóntrome divinamente entre as miñas árbores; algún día convértome en acacia ou en castiñeiro». Non é doado imaxinala sachando e cavando, aínda sendo unha muller de grande fortaleza física, sobre todo aos trinta e tres anos cando escribe a primeira. Sen dúbida, Meirás é para Emilia Pardo Bazán o paraíso da infancia, o lugar do que tiña saudade, ao que volvía para escribir pois nel experimentaba «a febre da creación», onde gozaba entre os arrecendos de «todas as flores do mundo». Lugar que escolle para construír nel, entre 1894 e 1907, con deseño da súa nai, Amalia de la Rúa, e dela mesma, a fantasía historicista das Torres, situando na que chamou da Quimera a súa biblioteca e o seu despacho. Biblioteca e construción tratados con desleixo polo ditador e a súa familia.
Para o Meirás recuperado —que eu entendo como lugar de encontro e diálogo, lugar de memoria democrática e casa da escritora—, Emilia Pardo Bazán, o seu legado literario e feminista, deben contribuír a unha resignificación. Meirás debería ser un lugar de diálogo entre a memoria histórica, as voces e representacións das persoas asasinadas, encarceradas, espoliadas polo réxime franquista —non foi unha mera casa de verán, nela celebráronse consellos de ministros—, e o espazo creado por unha escritora, unha intelectual nun ámbito reservado aos varóns. As contribucións das mulleres escritoras do seu tempo —Rosalía de Castro, Concepción Arenal, ás que eu sumaría o activismo de Juana de Vega— ao feminismo e á igualdade fornecen unha articulación narrativa co eixe da memoria e o retroceso nos dereitos das mulleres na ditadura. Entre Meirás e A Coruña escribiu Emilia en 1892 o seu ensaio feminista máis relevante, pois non só reivindica os dereitos para as mulleres, senón que identifica os alicerces das discriminacións, o modo en que se elaboran teorías para xustificalas. Termar do sacho de Emilia pode axudar a eliminar as ortigas dun relato franquista no que aínda os golpistas aparecen revestidos de legalidade, contribuír a un novo significado para Meirás onde dialoguen a resistencia e a igualdade.