
O sábado 26 saín a andar contentísima. Que pracer sentir o aire e o sol en toda a cara e respirar sen esforzo! O pracer duroume pouco porque enseguida empecei a cruzarme con xente que levaba posta a máscara e apartábase ao verme. Pensei que podían ser persoas de alto risco, e nunha reacción automática baixeime á calzada para deixar a beirarrúa libre, como fixen durante meses, cando eu a levaba e as beirarrúas estaban ocupadas por mesas de bares cheas de xente sen máscara.
Nun xardín, vin o nunca visto: un grupo de mozos moi novos, sentados moi xuntos, todos con máscara. E así ao longo da semana, xente de todas as idades que seguen usándoa ao aire libre.
Segundo os medios informativos, por diversas razóns: porque se senten máis protexidos, din; ou por comodidade: van coller un transporte público ou a un espazo pechado e xa a levan posta; ou por desconfianza: o Goberno precipitouse, din, foi unha decisión máis política que sanitaria; fíxoo para compensar o dos indultos; non te podes fiar de alguén que cambia de ideas como un catavento. A última noticia é que os mozos a usan porque as viaxes de fin de curso están a levar a centos de rapaces e a algúns pais á uci.
Ao mesmo tempo, continúan os botellóns, as celebracións multitudinarias e festas de todo tipo, con baile incluído. E os que non participamos desas «alegrías» unimos á inseguridade que xerou o virus, a xerada por un Goberno incompetente e máis preocupado por manterse no poder que polos males da cidadanía. Ata cando, contra!