En política os feitos din máis que as palabras. Ese é o primeiro reto que ten o novo Executivo de Pedro Sánchez: deben mudar as políticas, non só as caras. Máis alá das persoas, dos nomes, o problema do Goberno español e da decepción que está a causar ten a ver coa falta de políticas sociais e democráticas valentes. O que se denomina goberno máis progresista da historia apenas cumpriu nada do anunciado, nin do comprometido. A súa falta de valentía desmobiliza e dá azos á dereita.
A contrarreforma laboral do PP segue en vigor, a lei mordaza continúa sen derrogar, non se puxo freo á estafa enerxética e as subas da luz, non se tocou a política de vivenda nin a regulación dos prezos do alugueiro, a involución democrática nos poderes do Estado é cada día máis grave e evidente que as maiorías sociais non reciben o apoio e o rescate nun contexto social e económico especialmente difícil.
Decepción que se suma a todo o que ten a ver directamente con Galiza: é urxente que Sánchez e o seu goberno cumpran a totalidade do acordo de investidura asinado no seu día co BNG. Non facelo será non só unha deslealdade co BNG senón sobre todo un grave desprezo ao conxunto da sociedade galega. Os temas que figuran nese acordo son cuestións absolutamente centrais para o desenvolvemento económico e social do noso País e non admiten máis demoras nin escusas.
As rebaixas das peaxes da AP9 e a súa transferencia, unha transición enerxética xusta para a industria galega, o desenvolvemento das infraestruturas pendentes, o saneamento das rías son cuestións nas que os galegos e as galegas están a ser prexudicados cada día pola falta de palabra e a irresponsabilidade de quen segue sen cumprir o que no seu día asinou.
Remato cunha reflexión: o cambio de Goberno é tamén un recoñecemento implícito de que as cousas non se estaban facendo ben. Se o presidente do Estado quere poñer o contador a cero coa mudanza que vén de anunciar, debe facelo tamén con Galiza. É urxente e imprescindíbel que poña fin á discriminación e ao agravio con que PP e PSOE se alternan desde Madrid cando gobernan.
O BNG é unha organización seria, con palabra, responsábel. Temos a man sempre tendida para traballar na defensa dos intereses de Galiza, avanzar en dereitos e impulsar políticas sociais. De cal sexa a resposta do novo Goberno dependerá a actitude do BNG no Congreso. Porque a nosa lealdade, como é ben coñecido, é coa sociedade galega.