A fama agochada

OPINIÓN

Patricia Galiana

22 jul 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Ten a súa graza o acontecido en Madrid con Antonio López, que logo de coller os trebellos de pintura e poñerse unha outra vez diante da Porta do Sol madrileña para apañar esa realidade que adoita esvararlle do pincel, viu como un policía municipal lle pedía os papeis, ignorante aínda de que estaba a falar cun dos grandes pintores hiperrealistas dos últimos tempos. Hai quen quere ridiculizar o axente, que se defendeu dicindo que non tiña por que saber quen era o individuo que ocupaba a rúa. Coma se fose Van Gogh, el só cumpría co seu deber. Xa non é a primeira vez que un músico famoso se pon a tocar no metro e a xente non repara na perfecta execución da súa música nin se digna a lle botar unhas moedas. Todos somos moi listos e neste mundo de pantallas pensamos que a fama debe transcender o cotián, mais non sempre é así. O outro día, nunha clínica dental eu mesmo me sentín realmente importante porque un dentista me dixo que eu tiña os apelidos coma os do escritor. Ese plural fíxome pensar que estaba a falar de min e enchinme de vaidade mentres el fedellaba na miña boca. Non dei chío e tardei en amosar a miña identidade. Nesta conversa, o dentista mesmo se animou a me preguntar se eu gustaba da literatura. Ao final, como me parecía un pouco descortés non revelarlle quen viña sendo eu, pregunteille de que escritor estaba a falar. E foi aí cando el mirou un pouco sorprendido para min para me arrebolar finalmente a pregunta que, de súpeto, puxo os meus pés na terra: «E logo non coñeces a Paolo Coelho?». Foi unha cura de humildade, como debería ser tamén para todos eses listos que agora fan chacota do axente madrileño pola súa ignorancia. Non me estrañaría que algún destes sexan os mesmos que, cando van ao Louvre, preguntan onde esta a Gioconda de Leonardo DiCaprio.