Susana Rodríguez Gacio, deusa

Francisco Castro ESCRITOR E EDITOR DE GALAXIA

OPINIÓN

Mikael Helsing | Efe

31 ago 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Aínda que un non siga moito os deportes, é imposible non saber que hai un culebrón de verán ao redor de Mbappé, a quen quere o Real Madrid, ou sobre Cristiano Ronaldo, que finalmente volve ao Manchester United. Pasei parte da semana pasada nun hotel de Tenerife e, poden crerme, os ingleses cos que compartín tumbonas, piscinas, clases de aqua gym e karaoke nocturno non falaban doutra cousa. Semella que o universo enteiro gravitaba (o asunto era grave, seica) arredor destes dous polos que se pagan cantidades indecentes de millóns de euros que ningún dos que atacabamos con fruición desesperada o buffet do almorzo chegaremos a cobrar na vida nin sequera sumando as nosas nóminas. Os futbolistas son deuses e, polo tanto, cobran coma deuses.

Mais a min interesábame máis, cando chegaba ao meu cuarto a descansar desta vida-de-todo-incluído, ver os resumos dos Xogos Paralímpicos de Toquio e, alí, emocionarme con Susana Rodríguez Gacio, xa saben, a atleta viguesa e medalla de ouro en triatlón. Ela, e a súa guía, Sara Loehr, gañaron con autoridade e penduraron o ouro no seu pescozo olímpico.

Non imos ofrecer aquí o discurso de superación e loita contra da adversidade que xa sabemos que todos estes atletas coñecen tan ben. Só imos lembrar que Susana Rodríguez Gacio, ademais de ser triatleta, é doutora, e que, xa que logo, traballou coma unha burra, dende que comezou a pandemia, en primeira liña. Traballou para nós, pelexou por nós e, ademais, atopou tempo para adestrar e prepararse para ese ouro olímpico que agora vivimos coma noso.

Estes deportistas que conviven e pelexan coa súa discapacidade, ademais traballan, estudan, fórmanse. Pero non son deuses nin cobran coma deuses. Non están os patrocinadores ofrecéndolles faraónicas cantidades de diñeiro para que anuncien, eu que sei, casinos de póker on line. Na meirande parte dos casos gastan moito do seu diñeiro para poder ter unha carreira deportiva. Pero non son deusas coma Mbappé ou Cristiano. A meirande parte das grandes figuras do fútbol pouco máis teñen que a educación básica e, no caso de Ronaldo, incluso un problema serio coa Facenda española. Fronte dunha doutora que se deixa a vida por nós, e de paso gaña unha medalla de ouro, futbolistas aos que se adora e que tecen complicadas redes societarias para escapar do fisco, para non pagar eses impostos dos que sae, ademais, o soldo das doutoras e doutores que, coma Susana Rodríguez Gacio, coidan de nós, sándannos e, aínda por riba, fan que choremos, felices, ao velas entrar de primeiras na meta olímpica.

Así que si: Susana Rodríguez Gacio. Deusa!