Rosón e o sectarismo

Siro
Siro PUNTADAS SEN FÍO

OPINIÓN

SIRO

25 sep 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

De rapaz, eu tiña clarísimo que na Guerra Civil os republicanos eran xente boa como meu pai; condenado a trinta anos de cárcere polos franquistas que, ademais, asasinaran a meu tío Siro e a dous irmáns seus. Por iso, para min, os franquistas todos, sen excepción, eran ruíns e criminais. Foron meus pais os primeiros en facerme ver que nos dous bandos houbera xente boa que axudou a salvar vidas dos adversarios; e xente vil que denunciou e matou a cantos puido. Porén, non curei o sectarismo ata coñecer os testemuños de destacados republicanos, arrepiados pola represión criminal que se estaba a facer na retagarda roxa. Cando Manuel Azaña falou de «la criminalidad latente, desatada por la venganza, la codicia, el odio, la impunidad y la simple lujuria de la sangre», non aludía ao bando nacional, senón ao seu. Como Clara Campoamor, ao escribir: «En la retaguardia reinaba el terror desde el principio de la lucha. Patrullas de milicianos comenzaron a practicar detenciones en domicilios, o en la calle, en cualquier lugar donde pensaran encontrar elementos enemigos. Los milicianos, al margen de toda legalidad, se erigían en jueces populares y hacían seguir aquellos arrestos de fusilamientos. Pronto se hizo corriente en retaguardia una frase trágica: se llevaba a alguien a dar un paseo. Pasear a todo sospechoso o todo enemigo personal se convirtió en el apasionado deporte de los milicianos de retaguardia».

Daquela souben que dividir aos españois en bos e malos, segundo o bando en que se aliñasen na contenda, é pueril e grotesco; e hoxe sei que responsabilizar a Antonio Rosón dos asasinatos de militantes republicanos na provincia de Lugo, con probas documentais que nunca se aportan, é unha canallada.

Antonio Rosón non foi falanxista. Deixouno claro na rolda de prensa no Hostal dos Reis Católicos para responder ás calumnias do artigo publicado en Interviú: «Yo fui falangista por mi condición de oficial del Ejército y nada más». Pero é que nin sequera se poden meter no mesmo saco os falanxistas de primeira hora, como Laín Entralgo, Antonio Tovar, Torrente Ballester ou Álvaro Cunqueiro; cos da falanxe do sangue, que chegaron en aluvión despois do 18 de xullo e inzaron as cunetas de cadáveres. Entre os asasinados na provincia de Lugo está o alcalde de Becerreá, a quen Rosón tiña escondido na casa; pero sóubose e, aproveitando a súa ausencia, foron por el. Durante a Transición, os autores do libelo publicado por Interviú propagaron naquelas terras un comentario perverso: «Sempre que se cometía un crime, Rosón estaba ausente». Era certo, pero o que se daba a entender é que se ausentaba para deixar facer sen comprometerse. Ao morrer Rosón, os xornalistas da Voz en Lugo explicaron o misterio das ausencias: os primeiros seis meses da Guerra Civil, Rosón pasounos na Comandancia Militar de Lugo, «dedicado a la defensa de los procesados en los consejos de guerra instaurados para iniciar las depuraciones de los llamados rojos. Medio millar de casos en dos meses».

Cando Rosón morreu, a Xunta decretou tres días de loito oficial e a concesión, a título póstumo, da medalla de ouro de Galicia. A nada se opuxo o BNG. Claro que daquela falaba polo BNG o deputado Beiras e agora faino o deputado Bará.