Tempos difíciles

Víctor F. Freixanes
víctor f. freixanes VENTO NAS VELAS

OPINIÓN

Ángel Medina

03 oct 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

O volcán cuspe lava día e noite, enche o mundo de cinza, escouras, chispas lumarada e piroclásticos. O espectáculo resulta hipnotizante, mesmo por riba das traxedias persoais e da ruína de tantas familias afectadas. Sucedeu igual nas primeiras noites da guerra de Iraq, cando o bombardeo de Bagdad, cos misiles cruzando o ceo e o resplandor distante das explosións. Imposible apartar a vista do televisor. Non se vía nada, pero a CNN retransmitía en directo para todo o mundo, e todo o mundo estaba enganchado. Que pasará despois, cando o acontecemento deixe de ser novidade? O consumo das audiencias é así. A información convertida en espectáculo, produto tamén dos mercados, tanto ten que sexan os refuxiados en Lesbos, Lampedusa ou nos desertos de Arizona coma as nenas secuestradas en Nixeria. O ano empezou difícil entre nós coa desfeita do Filomena, que entrou en xaneiro pola península descompoñéndoo todo. Xa tiñamos enriba a pandemia. Os incendios, que arrasan periodicamente miles de hectáreas, aquí e fóra de aquí, xa non son noticia. Tampouco os cataclismos do Ártico, nin as moscas nos ollos dos nenos esfameados en Etiopía ou Sudán. 

Aí está tamén a lingua e a cultura galega. Non somos una illa. Calquera cousa que sucede no mundo nos afecta. O ano pasado foi de pouca froita nas aldeas. Pouca e mirrada, dicían os paisanos. Botábanlle a culpa ao ano bisesto. «Ano bisesto, ano funesto», e agarrábanse con retranca ao calendario. Deixádeo ir, dicían en decembro. Pero as cereixas non volven á Maía. Onde van aquelas cestas coloradas camiño da feira de Santiago!

E que falar da política? Tampouco axuda, abofé. A última conferencia das Nacións Unidas foi un diálogo de xordos, monólogo de intereses das grandes potencias, que seguen a repartir o botín á súa comenencia. Europa navega sen compás nin agulla de marear. A situación española non axuda moito, francamente. De nenos levábannos de excursión ao encoiro de Belesar e os profesores explicábannos con moita fachenda o milagre da enerxía, dentro dos parámetros da política de Franco, por suposto. Hoxe, a enerxía é un algoritmo que cotiza en bolsa (nas bolsas internacionais), do que ninguén se responsabiliza. Mais nalgún sitio seguen nacendo nenos. O pasado xoves, en Carballo, os adolescentes falaban galego nas terrazas sen que ninguén andara a tomarlles a lección. Os meus veciños acabaron de vendimar. Xa anda o primeiro mosto nas pipas. Polo san Martiño abillarás o viño. Polo san Simón poñeraslle o tapón. Axiña petará na porta o magosto, coa festa dos ourizos e a castañeira. Ben me lembro o consello da veciña cando o vento derrubou a vella pereira: «Poña outra, que a vida continúa». Oxalá. O volcán segue a ruxir na televisión e eu agárrome á memoria da pereira, pero os mozos e as mozas, os meus sobriños, marchan para Colonia, igual ca os fillos e as fillas doutros compañeiros, que estudaron en Santiago, andan agora por Barcelona, Berlín, Copenhague, Bruxelas… Dende Noruega piden obreiros para a construción, albaneis e soldadores principalmente. E condutores de camións.