Cidades sen coches e mundo sustentable

Lourenzo Fernández Prieto
Lourenzo Fernández Prieto MAÑÁ EMPEZA HOXE

OPINIÓN

HANNAH MCKAY | Reuters

09 nov 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

En Glasgow están decidindo o noso futuro, unha vez máis. Van xa varias oportunidades perdidas dende o Cumio da Terra de Río de Janeiro de 1992. Case medio século dende a crise do petróleo de 1973, cando o futuro da mobilidade sen combustión interna foi desvendado ao tomarse conciencia dos límites do modelo económico desarrollista baseado no consumo de combustibles fósiles baratos (e finitos). Parar de medrar, deixar de ver a natureza como abastecedora de materias primas e usar a tecnoloxía para vivir mellor sen danar o medio, foron daquela propostas científicas e intelectuais amplamente asumidas.

Entón que pasou? Pois que levamos toda unha vida intentando evitar o cambio de modelo. Podemos botarlle a culpa ás compañías que viven dese sistema industrial insustentable, aos políticos que non se atreven ou aos compañeiros que percorren oitenta quilómetros diarios en auto porque viven moi lonxe do seu choio. A responsabilidade vén sendo tan global como o problema e as solucións só poden ser sistémicas. Nin comer menos carne nin beber menos leite vai ser o camiño. Sabémolo ben aquí, onde levan séculos criándonos con leite, caldo e carne.

Dende o ano pasado o andazo desaxustou as producións, a distribución e os mercados. Proliferan as alarmas de desabastecemento. As novas fronteiras do brexit e as tendencias proteccionistas dalgúns grandes países botan leña na lareira do desaxuste. O empuxe europeo, e agora tamén estadounidense, están obrigando a reaccionar na dirección correcta. Ata os máis refractarios pasaron xa de apoiarse no curmán de Rajoy que negaba o cambio climático ao green wash que buscan desesperadamente as empresas: o lavado de cara verde. Miren a publicidade, todo é ecolóxico ou verde, todos capturan carbono como se fosen bolboretas e todo aspira a ser sustentable e biodiverso. Parole, parole, parole.

Confiemos que atinen en Glasgow, porque canto máis tardemos en tomar as decisións que sabemos inevitables, máis apocalípticas van volverse as respostas. Na arte, a literatura e o cine pode verse esa viraxe desesperada. As solucións son tan sabidas como duras. Van máis alá do coche eléctrico, un paso imprescindible.

A solución é incompatible con comer produtos de fóra de temporada producidos intensivamente no outro extremo do mundo e favorecer a produción próxima para mercados locais. Contraditoria con mercar cun clic produtos que veñen directos á nosa man a través de longas redes de transporte que rematan na furgoneta do repartidor mal pagado. Contraria a mover mercadorías en camión e seguir construíndo autoestradas en vez de camiños de ferro e AVE. En Galicia temos a posición e a disposición para ser pioneiros no manexo sustentable do territorio e os recursos naturais. Por historia e por xeografía. As grandes estratexias das que falan en Glasgow tradúcense en pasos prácticos. Cómpre identificalos.