Tiven que facer a PCR do covid-19 e, mentres a enfermeira me furgaba co bastonciño nas fosas nasais, recordei ao doutor Asuero, famosísimo na primeira metade do pasado século por obter curas prodixiosas en afectados por doenzas que ían da parálise á epilepsia, pasando pola hemofilia e as hemorroides; tratadas todas coa «Asueroterapia», que consistía en estimular cun espéculo ou un estilete o nervio trixémino, tamén desde as fosas nasais. O método describiuno con detalle o médico coruñés Aurelio Gutiérrez Moyano, a quen Asuero permitira asistir ás sesións.
En 1928, a prensa española informaba dos pacientes que entraban con muletas ou en cadeira de rodas na consulta deste otorrinolaringólogo vasco, en San Sebastián; e saían camiñando e brincando como se os tratase un santo milagreiro. Foi o pistoletazo de saída para que enfermos de toda España acudisen a el; e foron tantos, que se viu na necesidade de alugar varias habitacións dun hotel en construción para habilitalas como consultorio. Estimulado polo éxito, quixo repetilo en Madrid e empezou ben, que a garda municipal tiña que poñer orde na cola dos enfermos; foi recibido polo xeneral Primo de Rivera, presidente do Goberno; e Celia Gámez dedicoulle o chotis El trigémino. Pero as asociacións de médicos acusárono de facer curandeirismo e, enrabechado, volveu a San Sebastián para escribir o libro Asueroterapia fisiológica: ¡ahora hablo yo!, que ilustrou con fotos das súas curacións máis impresionantes. Entre elas a da muller do director do Hospital del Buen Suceso de Madrid, que levaba anos encamada por mor dun problema medular. Cómpre aclarar, aínda que Asuero non o dixo, que, como nos máis dos casos, a curación foi temporal e quedou reducida a unha melloría moi pequena.
En 1930, despois de ter tratado a 8.000 pacientes, viaxou á Habana, onde foi recibido como hoxe o serían Messi ou Cristiano Ronaldo, e o cantor e compositor Miguel Matamoros dedicoulle o son titulado El paralítico, que aínda se canta: «Veinte años en mi término/ me encontraba paralítico/ y me dijo un hombre místico/ que me extirpara el trigémino./ Suelta la muleta y el bastón/ y podrás bailar el son». Da Habana marchou a Bos Aires, puxo consulta, atendeu a moitísimos pacientes e o presidente Hipólito Irigoyen recibiuno na Casa Rosada; pero ao saír foi detido pola policía, acusado de exercer a profesión médica sen licenza. Denunciárao o médico persoal do presidente. Asuero laiouse: «Estou preso despois de curar a cinco ministros deste país». Volveu a España, pero o seu paso pola Arxentina quedou recordado no tango Hay que tocarle el trigémino; no divertido pasodobre ¡Ay, Asuero por favor!, e na comedia picaresca Nena, tócame el trigémino. Porén, coido que a verdadeira medida da popularidade que chegou a acadar o doutor Fernando Asuero Sáenz de Cenzano está na copla de cego titulada El doctor Asuero, recollida pola Fundación Joaquín Díaz en 1983.
A terapia do doutor Asuero foi un dos casos máis espectaculares do chamado efecto placebo, digna de figurar en calquera antoloxía da «curación polo espírito».
Todo isto penseino nos poucos segundos que unha amable enfermeira tardou en sacar mostras das miñas fosas nasais.