
A audiencia revolucionaria da que todo o mundo fala e escribe ten máis valor para o papa arxentino que para a ministra ferrolá. Se non por que ía concederlla? O interese para Iolanda Díaz é evidente, todas as voces da dereita española encargáronse estes días de argumentalo por extenso en todas as súas dimensións políticas, que son moitas: reforza a súa posición no Goberno; asenta a súa dimensión como candidata de varias forzas de esquerda; impulsa a súa proposta na negociación da reforma salarial ao máximo nivel internacional posible.
A cuestión é que valor ten para o Vaticano este encontro. Máis unha vez é a desaforada reacción da dereita hispana a que nos pon na pista. A primeira reacción dunha xefa de prensa do PP, que describiu o encontro como un cumio comunista, deixou clara a consideración que algúns sectores da dereita católica española teñen deste papa. É un segredo moi pouco secreto que hai demasiados bispos, congregacións, confrarías, agrupacións e tenderetes do catolicismo español que non comungan en absoluto coas orientacións evanxélicas deste pontífice. E menos aínda coas súas conviccións sociais.
Se pola dereita española correra algo máis de laicismo, non terían este tipo de reacción que vén demostrar en pasiva que tipo de mensaxe pode querer lanzar o sorrinte papa Francisco. Esa ausencia de laicismo non é un dos menores problemas dos partidos de dereitas españois, aínda é máis traumático o seu exclusivismo católico e, polo tanto, a falta de práctica na pluralidade relixiosa, porque amputa o pluralismo que é común na maioría das dereitas democráticas e, sobre todo, porque inevitablemente limita a súa cultura democrática, en termos de tolerancia e respecto á diversidade. Esa carencia nótaselle demasiado neste asunto. Faltoulles o charming e a elegancia que o asunto precisaba.
Pero hai outra posible lectura da audiencia a Iolanda Díaz. Un asunto de fondo separa gravemente neste momentos ao papa e a Igrexa española e ten que ver coa pederastia e os abusos sexuais no seo da Igrexa católica. A tormenta comezou en Boston e seguiu en Irlanda, chegou á Europa continental e agora mesmo a Igrexa católica en Francia acaba de dar unha lección neste asunto que a Igrexa española non parece nada disposta a entender nin atender. Pensar que o problema que está ameazando tan gravemente a credibilidade e polo tanto o futuro da Igrexa católica non afecta á española é simplemente unha parvada. Un suicidio. A falta de reacción española debe preocupar no Vaticano moito máis do que supuñamos.
Volvendo á esquerda e o papa, compre preguntarse se hai algo máis evanxélico que a vocación de xustiza social da esquerda histórica. De onde sae senón, de que educación e cultura procede, senón da cristiá no seu sentido máis prístino, a idealista preocupación da esquerda polos desfavorecidos e a súa militante acción a prol da igualdade? Dende os albixenses e os husitas, á teoloxía da liberación pode rastrexarse.