O outro Camiño de Santiago

Xerardo Estévez
Xerardo Estévez PAISAXES E PALABRAS

OPINIÓN

X. ESTÉVEZ

31 dic 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

O arquipélago das Canarias, pola proximidade relativa e as relacións históricas que os seus poboadores mantiveran coa Península Ibérica, ten a peculiaridade de ser a colonia da poderosa Coroa de Castela que de xeito máis doado viviu o sincretismo da cultura indíxena coa española. É un territorio propicio para tender pontes non paternalistas cos pobos hispanos de América, aos que tantas veces nos achegamos con certa altivez e que, despois da Guerra Civil, recibiron cos brazos abertos as vagas de exiliados e se beneficiaron da contribución daquela elite intelectual e científica. Tamén son as Canarias un nexo avantaxado con África, verbo da que veñen exercendo unha excepcional solidariedade práctica, acollendo decote continxentes de migrantes que Europa é renitente a recibir.

Hispania foi colonia de fenicios, gregos e romanos, conviviu durante séculos cos ocupantes musulmáns en frutífera simbiose e, chegado o momento, saíu do seu territorio buscando expandir o seu poder e riqueza, como fixeron case todos os países europeos. Pero despois de cinco séculos está fóra de lugar que algúns gobernantes pretendan facer responsable a colonización española da actual indixencia económica e moral das súas poboacións, sen poñer no outro prato da balanza o legado da fundación de cidades e universidades e dun rico patrimonio.

En Gran Canaria hai un outro Camiño de Santiago que atravesa a illa de sur a norte, desde Maspalomas ate Gáldar. É un itinerario arduo que discorre por paisaxes excepcionais, sobre todo no amencer e ao solpor co relevo montañoso a contraluz, e contemplando de noite o firmamento en condicións óptimas, percorrendo vilas e pobos moi ben conservados. Esta senda segue a vía histórica que, partindo a nivel do mar, ascende polas montañas sagradas dos aborixes canarios, acada os 1.500 metros en Tejeda e descende ata Gáldar. O culto santiaguista está presente desde o século XV nas igrexas de Tunte e Gáldar, que gozan desde 1965 do privilexio xubilar.

Gran Canaria ten o mellor clima do mundo, ecosistemas insólitos e grandes áreas protexidas. Obviando a desafortunada planificación dalgúns enclaves produto do desaforado bum turístico do século XX, o Camiño de Santiago entre volcáns vén ser unha proposta equilibrada de cultura e economía, se se evita incorrer en banalidades. No proxecto están a traballar os poderes públicos e as universidades, implicando a poboación local e a xuventude nunha proposta interesante na que Galicia e Santiago de Compostela poderían cooperar.