O corazón do fútbol

OPINIÓN

Oscar Vázquez

20 ene 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

No fútbol hai moito corazón e tamén moitas tripas. O pai dun meu amigo tiña alzhéimer e unha paixón intensa polo fútbol. Nos poucos intres de lucidez que lle deixaba a enfermidade, preguntaba como quedara o último partido do Dépor e, antes de que o fillo lle contestase, el mesmo dicía que seguro que perdera por un novo roubo do árbitro. Esa si que era unha afección devota que movía todos os músculos do corazón.

A verdade é que son moitas as razóns que, ao meu ver, desprestixian o fútbol e fan que cada vez nos afastemos máis del. O acontecido no derbi sevillano, coa agresión a un xogador dende as bancadas, é unha máis. Con todo, recoñezo que sempre me gustou este deporte por un aspecto integrador e democrático, xa que a súa práctica só precisa dun balón que pode estar ao alcance de calquera. Cando eu era pequeno, na miña vila apenas había instalacións para practicarmos algo que non fose o fútbol e non esquezo os vínculos que establecín co meu pai por mor deste deporte. Gustábame velo no campo cando eu xogaba no Antela e de cativo levoume algunha vez a Balaídos para vermos o Celta contra os grandes equipos, agasallos que foron deixando en min a pegada celeste e unha fidelidade que mesmo defendín na Coruña nos marabillosos anos do Superdépor.

É certo que no mundo da escrita atopo máis detractores ca amantes do fútbol, pero un non sempre está a falar de literatura e ás veces deixamos que o deporte rei habite as nosas conversas porque, malia que os cartos e a violencia estraguen o seu creto, prefiro ver correndo a unha nena ou un neno detrás dun balón que deixando os ollos e o tempo nas consolas. Despois de todo é un deporte masivo que tamén trae beneficios para a saúde física e mental e, sobre todo, para o corazón.