A verdade é que nos vén fatal a Terceira Guerra Mundial agora, coa segunda tempada de Euphoria a medias, a inflación desbocada, e co maldito virus ocupando tontamente as padiolas dos valentes tolleitos. Non estamos para guerras. A vocación de sociedade traumatizada quedounos no século pasado e, sinceramente, vendo o nivel de Filosofía do bacharelato, desta non vén un nihilismo que botar ao lombo, nin sequera unha colorida posmodernidade que nos anime. Xa non nos fan graza as contendas de a patacón e escenografía que se libran a base de mentiras on line; para iso preferimos Netflix. Nos noventa aínda nos divertiamos vendo pasar cazas a todo filispín por enriba dos tendais, pero agora temos Sálvame! E na era post-MeToo non nos vai parecer ben mandar a Marta Sánchez a animar os aguerridos guerreiros cun pouco de feminidade de coláxeno e silicona. Por tanto, non nos vén nada ben que veña a guerra xusto agora: imos pilladas para idear unha coreografía críbel sobre o sufrimento imperial, e, despois de tanto virus, xa sabemos que Putin non é tan decididamente temíbel.
Ademais e importantísimo: a terceira guerra non pode vir antes cá Terceira República Española —lembren a relación causa-efecto entre as segundas idem—. Agora estamos tan preto! Ese amor roto entre o deportista e a princesa que era tan verdadeiro coma desmemoriado diante do xuíz! Esoutro señor fuxido da inspección de Facenda! Só nos pode amolar o soño republicano que Sofía pida o divorcio e Letizia namore doutra, aí todas cheas de dignidade feminista antirromántica, e nos perpetúen a monarquía, provocando aos deuses e, coma en 1939, que veña de novo a guerra demostrar que, efectivamente, todo quedara atado e ben atado ata a fin dos tempos. Hoxe conseguiron, sen pretendelo, que as miradas se pousasen nelas. Merecen todo o recoñecemento. Que non esmoreza!