
Un adolescente de 15 anos matou á súa nai, ao seu irmán e posteriormente ao seu pai cunha escopeta de caza porque a súa nai ía cortarlle o acceso á wifi por mor das súas malas notas.
Entre os que o coñecían, o horror uniuse á sorpresa: era un mozo normal, tímido, que nunca protagonizara ningún acto violento… Parece un acto de tolemia, pero creo que é un exemplo máis de que os videoxogos poden converterse nunha droga dura. E un drogadicto pode facer calquera cousa para conseguir o seu veleno, non hai límites, a súa necesidade é máis forte que calquera sentimento, que calquera lei humana ou divina.
O único que transcendeu da detención do adolescente é a frialdade con que confesou os seus crimes e a súa falta de arrepentimento. Son trazos propios de adolescentes que viven nunha realidade paralela a través da pantalla da consola (lembren ao «asasino da catana»), e nese universo dixital, sen esforzo, realizan os seus desexos e convértense nun ego poderoso, que dita as súas propia leis. As persoas da vida real perden toda importancia, excepto cando se converte en inimigos; entón elimínanas, igual que nos seus videoxogos.
As familias e a sociedade deberían estar máis alerta fronte os perigos que emanan dunha pantalla. Non todos os adolescentes serán vítimas dunha adición que os leve a matar; hai, sen dúbida, un problema psiquiátrico de base neses casos, pero mellor previr que arrepiarse. Fomentar desde a infancia o deporte e a lectura é máis beneficioso que regalar pantallas. Que eu saiba, ningún adicto aos libros ou ao deporte matou á súa familia