Os votos da ciencia francesa

Jorge Mira Pérez
Jorge Mira O MIRADOR DA CIENCIA

OPINIÓN

YVES HERMAN | REUTERS

24 abr 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

A contribución de Francia ao progreso científico é das maiores do mundo dende hai séculos. É o cuarto país por número de premios Nobel e o segundo nos máximos galardóns de matemáticas (Premio Abel e Medalla Fields). Malia isto, a ciencia francesa ten os seus problemas, coma en todas partes. Para facela máis competitiva, Sarkozy primeiro e Macron despois realizaron algunhas reformas, algunhas delas impopulares. Marine Le Pen promete botalas para atrás, intentando pescar nese caladoiro de votos. Pero esta mesma semana a revista Nature dedica o seu editorial a lanzar unha contundente advertencia: a vitoria de Le Pen sería desastrosa para a ciencia europea en xeral e a francesa en particular. E para ilustralo toman coma exemplo o caso de Hungría: hai apenas un mes foi reelixido presidente Viktor Orbán, e no mesmo día da súa vitoria anunciou un investimento de 500 millóns de euros en centros de investigación para universidades. Pero, xusto dous días despois, a Comisión Europea iniciou un proceso sancionador (por incumprimento de normativas europeas) que lles podería facer perder miles de millóns. A mensaxe é clara: ollo cos cantos de serea que prometen cousas a curto prazo, que a medio e longo prazo o balance será negativo. A ciencia europea é moi potente cando colabora en bloque, e rachar esa unidade é mal asunto, tal e como xa están comprobando (e temían) os científicos británicos tras o brexit: ao saír do sistema europeo de investigación están perdendo financiamento e competitividade.