Celta de Vigo: así non é o meu equipo

Inma López Silva
Inma lópez silva CALEIDOSCOPIO

OPINIÓN

Salvador Sas | EFE

09 may 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Pregúntome que pasaría se, en lugar de abusar dunha muller, Santi Mina asasinase a unha persoa.

Resolvería o asunto o RC Celta de Vigo cun expediente disciplinario coma os que se abren aos xogadores que esnaquizan cuartos de hotel? Os patrocinadores, socios, seareiros e xornalistas estarían satisfeitos co tirón de orellas e a posibilidade de que, nun tempo, o xogador volvese? Habería temor entre os seus compañeiros por compartir vestiario cun criminal, ou mirarían para outro lado asumindo, en fin, que os asasinatos pasan e quizais algo faría o morto?

Pode ser que nós mesmas, con esta tendencia a suporlles aos clubs unha condición institucional que lles vén grande, provoquemos a súa condición de xuristas honoris causa para elaborar un ránking de crimes que corrixa o Código Penal. Unha estupidez, por certo, propia de persoas afeitas a chegar a golpe de talonario onde non chega a súa tenue moral, pois o consabido respecto polas decisións xudiciais e a cacarexada presunción de inocencia non parecen compatíbeis con pasar da condena ao xogador e castigalo ao seu xeito de patio de colexio.

Pouco debera importarnos a estupidez do Celta, pois ben sabemos que se sostén grazas a moita xente que, ben mirado, podería facer repensar ao club a conveniencia da súa machista soberbia.

Por que os centos de socias ofendidas pola súa tolerancia coa violencia machista non rompen o carné?

Que hai dos dous grandes patrocinadores, que poderían esixir a rescisión do contrato dun abusador que, cada vez que reapareza no campo, ofenderá a milleiros de consumidoras dos seus produtos?

Onde estamos todas e todos para esixir ao noso Celta de Vigo que demostre realmente que respecta a dignidade das mulleres que tamén enchen Balaídos e das que non?

Este non é o meu equipo.