
Unha diferenza esencial entre os seres humanos e o resto dos animais reside en que os humanos temos capacidade para elixir o que comemos. Por iso, e como contaba o amigo Rodrigo Cota cando «celebrou» con todos nós o seu infarto (o 8 de maio do 2016), o primeiro que calquera experimenta tras superar «o evento» é unha «inmersión nun mundo no que as hortalizas son a fonte da vida». Confirmo que as extraordinariamente amables persoas que te salvan a vida, sexa no Chus ou en Montecelo, comparten unha «gran fe nos productos da horta». Unha peaxe non moi alta a pagar en calquera caso, porque permite reanudar, tras a obrigada parada en boxes, a carreira da vida.
O «evento» tamén afecta á dieta da intelixencia, ese don humano que, a diferenza do resto dos animais, nos permite observar e comprender a realidade circundante. Jorge Wagensberg afirmaba que a intelixencia se alimenta por tres vías: por conversación coa realidade; por conversación con outras intelixencias, e por conversación con ela mesma.
O meu «evento» fixo que as tres conversas se sucederan en apenas unhas horas do pasado xoves. En boa parte do debate de investidura, conversouse sobre a sanidade pública. Cunha dialéctica polarizada entre o extremo da «destrución da sanidade» e a «mellor sanidade pública da historia de Galicia». En apenas uns minutos, a conversa pasou a ser coa realidade: para constatar que, efectivamente, a nosa sanidade pública ten un programa (Progaliam) exemplar de atención aos infartados coa formidable integración tecnolóxica do 061 e as sas de hemodinámica dos hospitais; que fan posibles tempos medios de atención ben por baixo dos que marcan as sociedades de cardioloxía nas súas pautas de calidade; e que reducen a probabilidade de falecemento por infarto en Galicia ao 2,59 % dos casos, case a metade do que a Sociedade Española de Cardioloxía establece como estándar óptimo (o 5 %). Todo elo, por certo, cunha máis que razoable equidade na atención desde o punto de vista territorial, unha vez que se impulsaron os servizos de hemodinámica nos hospitais de Lugo e Ourense, e se ampliaron as unidades de soporte vital avanzado en comarcas como as de Foz, o Salnés ou Lemos.