Garantía dunha igualdade ao final do sistema

María López Sández PROFESORA DE DIDÁCTICA DA LINGUA NA USC. ESCRITORA E INVESTIGADORA

OPINIÓN

28 may 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Achégase a fin de curso e, con ela, para os estudantes de segundo de bacharelato, as probas ABAU, que determinarán o seu acceso á universidade. Coido que todas as que vivimos as probas lembraremos eses días e, na meirande parte dos casos, os nervios e a presión que sentimos. Non é, daquela, de estrañar que haxa voces que defendan un troco de modelo; mais, coma en moitas outras situacións (e especialmente en asuntos de tanta relevancia), cómpre pensarmos detidamente nas implicacións que isto tería.

As probas ABAU corríxense de xeito anónimo, son iguais para o conxunto do alumnado galego, están dotadas dun sistema de reclamacións que corrixe as posibilidades de desvío individual entre correctores e, sobre todo, funcionan como garante de que hai unha igualdade ao final do sistema. Nun sistema educativo no que conviven o público e o privado, cómpre impedirmos que as notas difiran por pura vontade ou inclinación ou grao de esixencia. Mesmo se todo o sistema fose público, precisaríase dun mecanismo corrector para diluírmos as inevitables diferenzas de criterio.

A miúdo critícanse os exames, porque se entende que non son bos instrumentos para avaliarmos competencias. Mais iso é algo que depende tamén, en boa medida, da súa formulación. Tendemos a estereotipalos como probas de comprobación de coñecemento de datos, pero esa é só unha das súas múltiples posibilidades. É máis, o feito de que as ABAU sexan unha proba moi ampla, para a que non serve aprender memorísticamente uns contidos ás présas, fai que sexa, posiblemente, a máis competencial das probas polas que pasa un estudante na súa vida escolar: aquí si importa redactar, relacionar, a habilidade para conectar coñecementos, para aplicar o aprendido á resolución de problemas non repasados o día anterior, mesmo para tomar decisións intelixentes á hora de escoller a opción que máis beneficia.

Nun mundo ideal, no que cada persoa puidese escoller libremente segundo a súa vocación e non houbese límites nas prazas universitarias, as ABAU sobrarían. Nun mundo no que hai un límite, determinado polos recursos e tamén, en parte, polas necesidades de profesionais en cada eido, cómpre distribuírmos esas prazas de xeito xusto. Que alternativa hai que sexa preferible? Que procedemento no que non importe se es filla ou fillo dun presidente ou dun panadeiro, se estudas nun colexio público ou noutro privado? Outros modelos existen, por exemplo en Estados Unidos, cunha educación pública degradada e un sistema privado, tanto escolar coma universitario, no que a economía familiar é o factor determinante no acceso á universidade. Agora que tantos valores europeos están en xogo, coido que é o intre, tamén, de defendermos principios de xustiza que rexen na nosa sociedade e aí as ABAU xogan un papel importante, como dique de contención que impide que o sistema se entregue enteiramente ao mercado e que establece, como criterio, o coñecemento e a capacidade xulgada de maneira anónima e cega, como sempre se representou á xustiza.