A varíola do mono e as que virán

Sonia Villapol CIENTÍFICA DO CENTRO MÉDICO DE HOUSTON (TEXAS, EE.UU.) E COMPOÑENTE DO EQUIPO DE INVESTIGACIÓN INTERNACIONAL DA COVID-19 (COV-IRT.ORG)

OPINIÓN

EUROPA PRESS | EUROPAPRESS

04 jun 2022 . Actualizado a las 17:29 h.

Aínda non ben saímos da pandemia e aparece a varíola do mono, xa co primeiro caso confirmado en Galicia a semana pasada. Causada por un virus cun tempo de incubación de 5 a 21 días, maniféstase con febre, erupcións cutáneas nada agradables, ganglios linfáticos inchados e pode desencadear complicacións coma pneumonía ou encefalite. A pesar disto, os gromos rexistrados dende primeiros de maio en todo o mundo aparentan ter uns cadros clínicos menos severos ou asintomáticos. Trátase dunha enfermidade endémica en África, pero que sufriu un aumento de casos nos últimos anos, posiblemente debido á interrupción da vacinación contra a varíola ou cambios no virus que precisan ser analizados despois de secuenciarse o seu xenoma.

Non podemos evitar a preocupación, que se engade á do covid. As dúas enfermidades producíronse por zoonoses, é dicir, a transmisión de virus de animais aos humanos. Isto fainos reflexionar no panorama das vindeiras décadas: o xurdimento de novas enfermidades infecciosas polo mal trato ao medio que causa alteracións dos ecosistemas facilitando a aparición de enfermidades que nos poñen en xaque unha vez máis.

Por moitos motivos, o covid e a varíola do mono non son comparables, nin na transmisión nin na severidade e nin nos coñecementos que temos delas. O virus da varíola é un vello coñecido, sabemos dos tratamentos e da protección duradeira da vacina que se deixou de administrar nos anos oitenta, e sobre todo a baixa transmisión, o que nos fai pensar a día de hoxe que o risco para a poboación en xeral é baixo, porque non acontecerá unha propagación da mesma magnitude que pasou co covid. Non obstante, se a transmisión se converte en comunitaria e non se frea, o virus da varíola do mono vai propagarse silenciosamente por moito tempo atopando novos nichos. Non hai que preocuparse en exceso pero si continuar a vixilancia epidemiolóxica. Tampouco se debería de abandonar o covid, ignorar a existencia de novos gromos e novas variantes cando a inmunidade da poboación está caendo non é boa estratexia.

No caso da varíola do mono, o incremento de máis de 600 casos no último mes fai sospeitar que o virus variou en comparación cos gromos de anos anteriores. Deberíase facer un esforzo por identificar os contactos directos e illalos. Temos tratamentos que funcionan e a profilaxe vacinal evita a transmisión e reduce os síntomas. Sabemos que se transmite por contacto directo con lesións cutáneas, pero a implicación do sistema respiratorio durante a infección é importante, polo que a transmisión polo aire, aínda que menos probable, non se descarta. A máscara convértese unha vez máis nun accesorio recomendable para protexernos. 

Estamos no transcurso dun fito histórico, levantando cabeza dunha pandemia que levou a máis de seis millóns de persoas e deixará a máis con secuelas. Foi dabondo para ensinarnos que hai miles de maneiras de previr que as enfermidades zoonóticas causadas por un planeta ferido entren nun bucle de eventos catastróficos, e cómpre tomar acción agora. Facer un enfoque de «unha saúde» que estude a saúde humana, animal e do medio ambiente ao mesmo tempo; e, como non, dedicar fondos á investigación e á saúde, xa que é o mellor dos investimentos que a sociedade pode facer.