Rebufos: e se foramos por diante?

Silvia Pérez Freire DOUTORA EN SOCIOLOXÍA. PROFESORA NA UNIVERSIDADE DE VIGO E NA UNED

OPINIÓN

Fernando Sánchez | EUROPAPRESS

18 jun 2022 . Actualizado a las 11:05 h.

Hai momentos na nosa historia recente que percibimos claramente cando unha lei está indo por diante da sociedade. Creo que dous exemplos disto foron a lei do matrimonio igualitario e a de violencia de xénero: ambas fixeron pedagoxía social e iso trascéndeo todo. Infelizmente, a lei abolicionista socialista sobre a prostitución non o é nin ten visos de selo. A plataforma estatal de organización de mulleres que levan máis de 20 anos no activismo social en España (desde a especialización e o estudo de expertas) elaborou unha proposta de lei orgánica abolicionista do sistema prostitucional (a LOASP) que ía na liña de ir por diante da situación actual (facendo historia, vamos). Con este tema sempre andamos a bandazos, incongruencias, e como moito, a rebufo das obrigas europeas. Seguimos empeñándonos en coñecer as problemáticas das mulleres, cando se trata realmente dunha elección dos homes, de como entendemos as relacións humanas e o modelo de sociedade que queremos ter. Exactamente o mesmo que coa violencia de xénero no ámbito da parella. Imaxinan facéndonos hoxe as mesmas preguntas que entón aquí? Quizáis sexa hora de interpelalos a eles, non cren? Nos case tamén 20 anos de investigación e intervención social que levo traballando neste campo de estudo podo dicir que calquera incursión que decidamos facer nel ímonos atopar con moitas diversidades pero cun denominador común: a prostitución é un rebufo do patriarcado e do machismo máis rancio, e os usos e costumes teñen un límite cando se vulneran dereitos humanos e se fomenta a violencia de xénero (a das afectadas que se atopan na situación de prostitución, primeiro e máis gravemente, e as de todas as demáis, que nos definen o papel que representamos no contexto social). Se non temos claro isto e parece que non, seguiremos dando bandazos. Se esta nova lei para a abolición da prostitución non vai a ter unha boa dotación orzamentaria para conseguir poñer por diante a garantía de dereitos, recursos e protección integral das mulleres en situación de prostitución (cos cambios necesarios na lei de estranxeiría e incorporalas ao estatuto de vítimas de violencia de xénero), se non vai simultáneamente a penalizar a demanda nin o proxenetismo, como mínimo... o apoio para as afectadas só serán palabras, non feitos (coma sempre, por outra banda), e a norma sancionadora finalmente non tocará a liña de flotación deste negocio (a demanda e quen teñen un lucro directo), polo que… que queren que lles diga? Un rebufo máis…