Memoria democrática para as vítimas

Lourenzo Fernández Prieto
Lourenzo Fernández Prieto MAÑÁ EMPEZA HOXE

OPINIÓN

BENITO ORDOÑEZ

19 jul 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Na artificial e partidista polémica levantada estes días por algúns sectores da dereita a propósito da lei de memoria democrática, a principal e deprimente conclusión leva a unha pregunta: como é posible que a dereita democrática española siga tendo a súa memoria secuestrada polo franquismo? Unha pregunta obrigada dende a historia, pero tamén necesaria dende as prácticas das dereitas democráticas europeas sobre os seus propios pasados de fascismo, ocupación e guerra ou dende os dereitos humanos asentados pola ONU coas súas políticas de memoria, reparación, reconciliación e non repetición.

Para ser precisos habería que concretar que non foi o franquismo, entendido en termos políticos ou sociolóxicos, quen secuestrou a memoria da dereita española, senón os verdugos que perpetraron as matanzas asociadas ao golpe de estado que chamaron eufemisticamente Movimiento. Si, isto merece unha explicación, pero creo que calquera lector de hoxe en día xa a coñece, aínda que non sempre queira recoñecela. Custa traballo. Explícase mellor se o facemos dende as vítimas daquel episodio, pois diso trata en primeira instancia esta lei, de recoñecer e reparar ás vítimas.

Ao meu pai matárono e non fixera nada… A frase, que levo escoitado moitas veces dende que comezamos co proxecto nomesevoces.gal, revela a fondura da memoria revirada duns asasinos que converteron as vítimas en culpables. Tardei máis do debido en saber responderlle a esas persoas, fillas, netos, irmáns de fusilados e paseados, como cumpría: o seu pai non fixo nada, quen o fixo foron os verdugos que o mataron. El era alcalde, deputado, sindicalista, masón, militar... prendérono para sacarlle o poder e para iso tiveron que acabar por matalo. Iso foi o que pasou.

Outra cousa foi como o explicaron os asasinos: fixéronlle un xuízo con informes, atestados e testemuñas de colaboracionistas, que serviron para argumentar un delito nunca cometido e construír o relato que contaron ata hoxe. Porque foron aqueles mesmos verdugos quen manexaron e adaptaron o relato durante os corenta anos seguintes, nos que a memoria das vítimas foi secuestrada e modelada polos que gobernaron a ditadura.

De xeito análogo, tamén a memoria da dereita democrática está secuestrada por aqueles verdugos, cos que non ten, nin debe ter, nin quere ter, nada que ver. Pablo de Greiff, antigo comisionado de memoria para España, ten afirmado repetidamente, por última vez nestes días á volta da súa misión en Ucraína, para apoiar a nova lei de memoria democrática, que a democracia española está forte para tomar estas medidas de verdade e reparación e que sempre se asombrou de que non fora capaz de pagar esa débeda coas vítimas do franquismo.