
Din os paisanos que o monte, logo de arder, respira como un animal ferido. Semella durmido, pero non o está. Fica á espreita. Séntese a súa respiración na paisaxe aburada de fumeiras que xorden de debaixo da terra, entre o mato abrasado e as carqueixas, e é como se estivese agardando a que nos confiemos ou levantemos a garda para rexurdir, moitas veces con máis forza. O monte, chegada a hora do lume, é coma o mar no medio da tempestade, un xigante que avanza por riba de nós. Inútil querer paralo. Hai que deixalo ir, administralo, se acaso marcarlle a linde, arriar a vela, poñer o motor á capa e deixalo traballar ata que el mesmo se entregue. Mais o mar recupera antes. Canto tempo tardará en volver a fraga, as abidueiras, os castiros, os vellos soutos, o piñeiral..?
Hai poucas semanas estabamos nos concellos de Valdeorras celebrando a memoria de Florencio Delgado Gurriarán o Día das Letras Galegas. Hoxe aquela mesmas terras son un inferno. Onde tanta festa e alegría houbo, agora é un funeral. De seguro que rexurdirán, porque os homes e as mulleres daquela parte do mundo veñen da vella estirpe do alento e a resistencia. Mais a calamidade é moi grande. E non só en Valdeorras. Uxío Novoneyra levounos no ano 2010 ao universo do Courel tamén para agasallar as Letras. Celebramos a festa en Seoane, no consello de Folgoso, hoxe tan castigado tamén polos lumes. E Vilariño de Conso, Oimbra, terras de Lugo e Ourense, estremeiras irmás de Asturias, León e Zamora… O mundo arde, non só en Galicia. O mundo arde e o ser humano segue mirando para outro lado.
Neste caso non vale deixalo traballar. Cómpre operar dende a previsión e a planificación, o que esixe mudanzas profundas de carácter estratéxico, non políticas inmediatistas de hoxe para mañá. O quecemento climático é un feito obxectivo que vai condicionar gravemente non só o noso futuro senón moi principalmente o futuro dos nosos fillos e dos nosos netos. O cambio de modelo enerxético e de crecemento afecta a intereses da gran máquina que goberna o mundo. A desertización e o despoboamento é outra realidade que afecta tamén a Galicia. No noso caso, pensar en futuro significa dar sentido e facer rendible a explotación do rural, os propios recursos naturais e enerxéticos ao servizo da cidadanía, para fixar poboación e que non emigre; un pacto estratéxico a medio e longo prazo que entenda o país coma un proxecto común, non coma un negocio especulativo.
Dúas recomendacións para reflexionar estes días: O que arde, a película de Óliver Laxe, que é un alegato a prol dun mundo que se nos escapa (e que deixamos escapar) e un relato breve: Mércores de cinza, do noso compañeiro Miguel Anxo Murado.