Quecemento global, lume total

Lourenzo Fernández Prieto
Lourenzo Fernández Prieto MAÑÁ EMPEZA HOXE

OPINIÓN

GOBIERNO DE CANARIAS | EUROPAPRESS

26 jul 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

O abandono rural e a falta de manexo do territorio é causa de lumes, pero hai mais causas e mais razóns. O quecemento global non é a menos importante, pero é a menos controlable localmente. Fronte ao quecemento global hai que responder globalmente e ademais hai que reaccionar localmente. En Galicia e en toda a península ibérica, combater o cambio climático provocado pola contaminación require superar as inercias forestais que veñen das repoboacións dos anos corenta e cincuenta. Os lumes do Caurel e os de Valdeorras comezaron e se estenderon a partir de enormes masas de piñeiros de repoboación e correron na dirección do vento arrasando monte baixo; superaron os soutos que rodean moitas desas aldeas e prenderon imparables nas casas Estamos nunha nova época e hai que aceptalo e adaptarse a ela.

Non estamos na autarquía que promovía madeira e pasta de papel; nin no desenvolvemento que converteu o avance das masas forestais nun bo negocio. Esquezamos o de limpar os montes no inverno, non hai quen o faga, polo abandono, e moito menos quen o pague, sería ruinoso. Empecemos a pensar nos tempos de hoxe e nos incendios desta xeración; nesas bolas de lume imposibles de apagar ou controlar. Onde hoxe hai masas forestais de repoboación hai cincuenta ou setenta anos había gando, cultivos e manexos agropecuarios. Se vivides en Galicia, fora da beiramar, mirade pola fiestra e pensade que onde medran coníferas e eucaliptos hai menos de oitenta anos non había árbores. Sabede tamén que o Patrimonio Forestal do Estado que forzou a repoboación, pasou a chamarse Instituto para a Conservación da Natureza, xerando unha confusión que permanece.

Resultará chocante para moitos pero necesitamos mais gando e menos árbores. Ovellas, cabras, vacas e cabalos de monte. Máis pastores en todoterreos e quads e menos bombeiros. Adaptarse ao que nos está pasando, evitar que isto empeore e salvagardar as vidas e as facendas da xente deica en diante significa adoptar medidas xa. As accións son coñecidas, o que hai que facer está inscrito no manexo dos montes polas comunidades e as aldeas. Podemos cambiar o método e empezar por preguntarlle á xente que vive no rural e pelexou contra o lume, por exemplo a Xan de Vilar, o dono dunha das casas que ardeu nesa aldea do Caurel. O mesmo que leva anos vivindo só e facendo un museo etnográfico popular. Un pequeno museo do pobo galego local. El é quen mellor lle explica ao meu alumnado do máster como hai un arado para cada chan, cada pendente, cada aldea, cada cultivo e cada forza de tiro. E como manexaban o souto e as devesas, cando alí vivían 75 persoas. Na Bretaña non arden os prados e os cultivos, nas Landas da Gironda si. Non hai fronteiras para os problemas nin para as solucións.