Segredos moi secretos e moi pouco oficiais

Lourenzo Fernández Prieto
Lourenzo Fernández Prieto MAÑÁ EMPEZA HOXE

OPINIÓN

Jesús Hellín | EUROPAPRESS

09 ago 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

A modificación da Lei de segredos oficiais parece que só lles interesa en serio aos historiadores, ás xornalistas e ao PNV. Logo están os xuíces sempre dispostos a manexar a balanza. O interese peneuvista non é casual, pois son o partido que máis relación tivo cos servizos de información europeos e americanos na súa longa historia e por iso sabe da importancia da transparencia e da necesidade de desclasificar segredos oficiais. O asunto é moi simple, manter os segredos agochados só favorece a quen necesita manipular o pasado porque ten moito que ocultar. Sempre son os que teñen máis poder... No caso dos pasados incómodos do século XX quen máis quere agochar é sempre o colaborador das ditaduras. O asunto non é discutible porque está recollido en normas e o certo é que ningunha democracia ten unha lei de segredos oficiais como a española. Ese foi o maior éxito da ditadura na Transición, coa imprescindible colaboración dos grupos terroristas que trataron a democracia a bombazos e asasinatos ata hai unha década.

Aos xornalistas vailles no oficio desvelar segredos. E a nós que os desvelen, porque sen unha opinión pública crítica e veraz a democracia é imposible. Nada hai peor para a liberdade de opinión que a falta de información verificable e o segredo que todo o tapa. Se non coñecemos o pasado non podemos entender nada do presente. Esa teima de historiador é tamén a dos xornalistas; non falo dos que viven do bulo nin dos que só traballan a soldo de ideas fixas e líderes fixados. A relación entre os graos de democracia e as marxes que permitimos aos segredos oficiais é, como di Fernando Salgado, un asunto importante ao que ningún cidadán pode ser alleo. Amais da liberdade niso vainos a igualdade que, amais de legal e económica, é tamén de acceso á información.

Deixo para o final os historiadores e historiadoras que construímos as nosas investigacións batallando coas normas dificultativas que se ven obrigados a aplicar os facultativos de arquivos e bibliotecas, que é como se denomina o corpo funcionarial encargado de velar pola documentación histórica depositada nos arquivos públicos: estatais, provinciais, universitarios, municipais e, agora, tamén galegos. Para que entendan os lectores, sen mencionar a documentación posterior a 1936 onde xa empeza o inferno, direi que as colegas que se ocupan da Primeira Guerra Mundial non poden acceder a información diplomática e de intelixencia española —España non participou na guerra—, pero si por suposto a toda a información británica, francesa ou americana. Pero aínda: ao cabo de cen anos podemos acceder á documentación notarial onde se recolle o máis secreto da economía de mercado e o máis oculto das relacións domésticas (testamentos, compraventas, poderes...), pero temos vetado acceder a documentación oficial de hai cincuenta anos. Da documentación da Garda Civil e policía mellor nin preguntar.