Dos audis ao Falcon pasando por un iate

Lourenzo Fernández Prieto
Lourenzo Fernández Prieto MAÑÁ EMPEZA HOXE

OPINIÓN

MARCOS CREO

23 ago 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Para intentar chegar a ser presidente do Goberno do Estado, Alberto Núñez Feijoo vai ter algo máis de traballo do que os seus asesores imaxinan. O aspirante á Moncloa está a calcar a estratexia das eleccións galegas, nas que inesperadamente acabou gañando ao bipartito do PSOE-BNG, acusando o Goberno de mal uso dos recursos públicos e de innecesarios gastos suntuarios. No 2009, Feijoo e os seus asesores criticaron o uso de audis como coches oficiais dos conselleiros, como se fose unha novidade dese goberno; airearon o custe da moblaxe do despacho de Touriño, como se algunha vez estivésemos interesados en saber canto custaban os despachos de Fraga. A traca final viñera cunha foto de varios anos antes na que Quintana aparecía nun veleiro de certa eslora, despois de que a acusación de que tiña unha luxosa neveira no coche oficial quedara desmontada cando o vicepresidente abriu o maleteiro aos xornalistas para amosar un arrefriador de supermercado. Agora, o conto vén co Falcón presidencial que tanto deu que falar xa na prensa do corazón madrileña cando o usa Sánchez.

No 2009 aínda non se falaba de fake news nin aparecera Trump, pero xa existía Fox News e o seu guieiro, o inefable Roger Ailes, tiña máis dunha avantaxada alumna na equipa de prensa de Feijoo. Como teño lembrado aquí, o asunto tampouco era orixinal. Xa Gil Robles fixera a campaña da CEDA para as eleccións de 1933 identificando aos políticos republicanos co luxo e o boato dos coches oficiais. Por que esta teima da dereita católica de identificar á esquerda laica co luxo? Porque funciona. Descubriron que actuar sobre a moral cristiá dos laicos progresistas permitía paralizar votantes. Buscaban o non voto dos anarquistas e lográrono daquela, coma hoxe o de conspicuos votantes socialistas e nacionalistas. Colléronlles a medida para que non voten algúns dos contrarios, pero que voten todos os propios. Para garantir isto último, no 2009 déronlle azos ás minorías queixosas do uso normal do galego en Galicia. Trece anos despois, aínda que a Moncloa e Casas Novas poden parecerse —pero sempre gañaría esta última—, cambiaron demasiadas cousas para que aquela estratexia poida funcionar simplemente cambiando a escala.

A Unión Europea enfróntase a unha guerra nas súas fronteiras que, aínda que parece de broma, vai ter consecuencias inmediatas para as que o aspirante á Moncloa debe saber dicir algo. A cuestión da enerxía —custes, escaseza— non é a menor, sobre todo porque está envolta no contexto global da transición ambiental. Este verán quedoulle claro a Europa que o asunto do quecemento global e a crise ecolóxica non son unha broma. O mundo está virando dende a pandemia nunha dirección tan previsible como inquietante. Tamén está virando a democracia. Se quere sequera aspirar a algo Feijoo ten que falar de algo máis que do que aprendeu hai trece anos. Que di de China? E de América?