Na loita contra o covid persistente

Sonia Villapol CIENTÍFICA DO CENTRO HOUSTON METHODIST WEILL CORNELL MEDICAL COLLEGE (TEXAS, EE.UU.) E COMPOÑENTE DO EQUIPO DE INVESTIGACIÓN INTERNACIONAL DA COVID-19 (COV-IRT.ORG)

OPINIÓN

Cribado covid a jóvenes en el hospital Gil Casares de Santiago
Cribado covid a jóvenes en el hospital Gil Casares de Santiago PACO RODRÍGUEZ

23 ago 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Transcorre o mes de agosto en Galicia con lumes e festas. Porén, non nos esquecemos da pandemia, non se pode. Aínda que non se falou moito, este verán houbo picos de hospitalizacións e casos, que afortunadamente parecen descender. Como non se contabilizan coma antes, quen sabe. Hai tempo que dixemos que a pandemia nos deixaría en herdanza o covid persistente. Aprendemos moito sobre a enfermidade, a prevalencia, as causas, os biomarcadores e os potenciais tratamentos, pero existe unha necesidade urxente de atopar máis respostas.

Xa definimos algún dos síntomas que poden ser moi debilitantes, van desde a fatiga, a confusión mental, a dificultade para respirar, os mareos, as dores musculares ou as constantes cefaleas. Poden durar meses ou anos, e impiden levar unha vida normal, afectando incluso á xente nova e sen problemas de saúde previos. Tamén sabemos que o covid aumenta o risco de desenvolver problemas neurolóxicos, demencia, enfermidades cardíacas, diabetes, trastornos da coagulación ou danos nos pulmóns e nos riles. Tal risco parece aumentar acumulativamente coas reinfeccións, incluso se a xente está vacinada, o que preocupa cando a estas alturas non é doado dar con alguén que non se infectou.

O último estudo indica que unha de cada oito persoas que pasaron a infección experimenta síntomas durante oito meses, o que é bastante optimista segundo os datos anteriores, que apuntaban máis alto. Pero tendo en conta a vacinación, coa protección que confire, poderíase reducir esta porcentaxe. E aquí veñen as boas novas, a taxa de vacinación en Galicia é moi alta, o que axudará a minimizar a posibilidade que a xente sufra síntomas a longo prazo.

O Ministerio de Sanidade ditamina que para o diagnóstico de covid persistente requírese unha proba de covid rexistrada na historia clínica. Claramente, con estes criterios unha alta porcentaxe de xente non vai poder demostrar o seu diagnóstico. Agardamos que se rectifique, porque é importante definir un perfil diagnóstico da enfermidade. Existen algunhas outras maneiras de facelo sen ter unha PCR positiva, hai biomarcadores que con máis dun 90 % de fiabilidade diagnostican o covid persistente, incluíndo a detección de múltiples anticorpos, autoanticorpos, a presenza da reactivación do virus do herpes ou marcadores celulares e inmunes. Tamén engadimos unha diminución dos niveis de cortisol que podería explicar a fatiga e moitos outros síntomas.

Hai que investigar con urxencia novos tratamentos e diagnósticos para que o covid persistente non se converta na próxima ameaza de saúde pública. A día de hoxe non hai un tratamento eficaz aprobado, continúan a facerse terapias de rehabilitación ou administrarse un cóctel de fármacos axustados aos síntomas, que van desde esteroides, axentes antiinflamatorios, antivirais, anticoagulantes, complementos dietéticos, ou terapia celular.

O recoñecemento, o diagnóstico e o acceso á atención son dereitos dos pacientes. Ata que non exista un maior coñecemento da enfermidade, que nos achegue tratamentos eficaces, o que podemos facer e evitar contaxiarnos do covid, ou evitar collelo de novo. Pola nosa saúde, debemos esquecernos do engano da «gripalización» e seguir mantendo a cautela, iso si, sen deixar de festexar.