Duendes e trasgos

Siro
Siro PUNTADAS SEN FÍO

OPINIÓN

Siro

27 ago 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

No artigo anterior escribín: «A espada de Simón Bolívar roubouna o M-19 en 1974». Referíame ao grupo guerrilleiro colombiano M-19, pero no xornal saíu: «A espada de Simón Bolívar roubouna o 19 de marzo de 1974», e non dicía quen. A incidencia pasou a enriquecer o anecdotario de erros divertidos en prensa que empecei a facer hai anos co título Dos duendes da linotipia aos trasgos da informática porque, malia a axuda que representan as novas tecnoloxías, os erros son inevitábeis. Ás veces máis semellan burla intencionada que metedura de pata. Abondan as «peticiones de ano» e os «funcionarios púbicos»; houbo un «conejo de ministros presidido por Franco» e unha crónica deportiva informou de que «La reina entregó la cona de Inglaterra». A comezos dos anos setenta inaugurouse en Ferrol unha residencia para suboficiais da Armada e o titular da Voz anunciaba a catro columnas: «Hoy se inaugura la Residencia de Subnormales de la Armada». Hai tempo debuxei unha viñeta sobre unha parella de delincuentes que actuaban en Santiago. O pé ironizaba: «Bonnie and Clyde en Compostela», pero en vez do meu debuxo saíu a foto dunha parella de vellos, ela coa cesta no brazo, el co paraugas no lombo. O indio colombiano Juan Valdés fixérase popularísimo co anuncio dun café e visitou Ribeira o mesmo día que Dositeo Rodríguez, conselleiro da Presidencia. A información foi: «El conselleiro de la Presidencia, Juan Valdés, estuvo en Ribeira».

Cando Franco agoniaba, todos os xornais de España tiñan feito un caderno no que se falaba del e do que fora o seu Goberno. Varias veces estiveran os cadernos para entrar nas edicións e houbera que retiralos, ata que o 20 de novembro de 1975 o presidente Arias Navarro confirmou no informativo da noite de TVE que Franco morrera, e as redaccións empezaron a facer cambios contra reloxo para dar a noticia en primeira e remitir ao lector o caderno. Armando Fernández Xesta, que despois sería director adxunto na Voz, daquela responsable de edicións de El Correo Español, tivo que facer varios trocos en poucos minutos e sucedeu o incrible. En primeira dábase a noticia da morte do Caudillo e remitíase a unha páxina do interior onde debería estar o caderno, pero o que estaba era un gran anuncio publicitario, a toda páxina, que animaba: «Celébrelo con champán». E o debuxo dunha botella entre serpentinas e demais adobíos do próximo Nadal. Explicar o erro ás autoridades non foi doado, pero quizais o porte marcial do benquerido Armando influíu para que non pasase nada. E non pasou.