Longas horas de intercambio de pareceres en Vigo con numerosos representantes do sector marítimo-pesqueiro galego e unha impresión final de que, malia moitas reticencias, a directora xeral de Pesca da Comisión Europea, Charlina Vitcheva, entendera a necesidade de revisar a proposta de Bruxelas de prohibir a pesca de fondo en preto dun cento de zonas de augas comunitarias.
Foi o balance dunha reunión que mantivemos a mediados de xullo na que a representante da Comisaría de Medio Ambiente, Océanos e Pesca escoitou un por un a todos os representantes do sector e tras a que transmitiu a vontade do Executivo comunitario de revisar esta cuestión atendendo a novos datos e informes que recompilaría nese tempo.
Con estes antecedentes non é disparatado aventurar que a Comisión tome as decisións tirando os dados ao aire. Comprobámolo a semana pasada cando anunciou a aprobación final da prohibición, que se ratificou de inmediato este luns no Diario Oficial da Unión Europea, deixando en suspenso teórica vontade da directora xeral.
Adoito confiar na palabra das persoas e nos compromisos das institucións, pero está claro que a desta Comisión se foi polo sumidoiro de calquera dos fríos despachos de Bruxelas tras de pulsar no maior porto pesqueiro de Galicia o sentir de distintos representantes do sector. Moitos deles con anos e anos de experiencia no mar, con coñecemento de como traballa a nosa frota e como son as zonas nas que se quere prohibir a actividade. Isto ten un nome e un apelido: mala fe, porque os pasos dados nos últimos días polo Executivo comunitario deixan a sensación de que xa en xullo as cartas viñan marcadas.
Debo recoñecer que cada vez me custa máis —e cónstame que ao noso sector do mar lle pasa igual— confiar nas mensaxes que nos chegan desde Bruxelas, porque a pesca aparece de última no nome da Comisaría —de Medio Ambiente, Océanos e Pesca— e semella que a preferencia á hora de lexislar tamén segue esa orde.
Á vista está, coa prohibición da pesca de fondo sen ofrecer datos científicos sólidos e que afecta a artes tan selectivas e sustentables como o palangre. Quen pode pensar que fai máis dano aos fondos mariños un simple anzol que penedos de toneladas que algunha organización ecoloxista tirou ao mar de xeito indiscriminado nos últimos días?
Estamos ante un despropósito máis dunha Comisión Europea moi afastada da realidade, que prima os aspectos medioambientais fronte a calquera outro e que esquece os seus propios principios, os da Política Pesqueira Común, que di que debe buscarse o equilibrio entre as cuestións medioambientais, as económicas e as sociais. Ao mesmo tempo, exponnos a perder a soberanía alimentaria no peixe en favor de terceiros países, quizais non tan sustentables nin tan respectuosos cos recursos como a frota europea.
Desde Galicia amosamos o compromiso, referendado polo presidente Rueda, de loitar contra esta decisión totalmente inxusta e arbitraria. Un tiro de canón que pon en risco o futuro da nosa frota e contra o que imos batallar prestando todo o apoio legal ao noso alcance. Bruxelas ten que deixar de lexislar ao chou e Galicia loitará para evitar que se siga gobernando lanzando dados ao aire.