Marilar Aleixandre

Víctor F. Freixanes
Víctor F. Freixanes VENTO NAS VELAS

OPINIÓN

SANDRA ALONSO

26 oct 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

O ano pasado foi Xesús Fraga, coa súa excelente novela Virtudes (e misterios) (Galaxia), quen levou o Premio Nacional de Narrativa, un dos galardóns máis cobizados das letras españolas. Acabamos de saber da concesión do premio este ano á novela As malas mulleres, de Marilar Aleixandre, publicada en 2021. Dous anos seguidos para textos narrativos no noso idioma. Ninguén pode dicir que a nosa produción literaria non ten capacidade competitiva.

A novela de Fraga foi un magnífico descubrimento, fundamentada no que agora denominamos autoficción. A de Marilar reafirma a unha escritora que dende hai anos vén desenvolvendo unha poderosa e moi esixente capacidade de creación, comprometida non só coa nosa lingua, senón, de xeito especial, coa idea de dotar a nosa literatura de recursos, alento, asuntos e capacidades que a proxecten dentro e fóra das nosas fronteiras.

As malas mulleres (Galaxia) é un exemplo de como a través da literatura podemos achegarnos á realidade histórica con espírito crítico, accedendo ao debate das ideas, moi especialmente o feminismo, a través de personaxes de ficción (Sisca) que exemplifican situacións aparentemente extremas, mais que responden a un tempo e a unhas circunstancias se cadra non tan distantes de nós, e a través de personaxes moi queridos e significativos: Concepción Arenal e Juana de Vega sobre todo, figuras ás que Marilar Aleixandre vén dedicando especial atención, xunto con Emilia Pardo Bazán e Rosalía de Castro, representativas dun período certamente extraordinario, confluencia de personalidades que marcan a nosa historia contemporánea.

Con todo, hai un aspecto da personalidade de Marilar Aleixandre que non quero esquecer: a súa propia biografía. Algunha vez escribiremos o relato de como cada un de nós, nun tempo determinado, nos fomos incorporando ao compromiso coa nosa lingua, a nosa cultura e o propio país, cada quen dende historias e distancias moi diversas. Marilar Aleixandre (Madrid, 1947) pertence aos galegos e galegas que decidiron non por nacemento, senón por convicción, incorporarse á nosa aventura colectiva, o soño dun país dono do seu, esixente consigo mesmo, aberto ao mundo e á modernidade histórica. Non é o único caso, afortunadamente. Algún mérito colectivo debemos ter para que isto suceda. Mais son exemplos (biografías) que nos animan a seguir e dan alento para camiñar cara ao futuro.