O liberalismo ferido

Lourenzo Fernández Prieto
Lourenzo Fernández Prieto MAÑÁ EMPEZA HOXE

OPINIÓN

FABIO FRUSTACI | EFE

01 nov 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

É o título dun libro recente de José María Lassalle que neste momento resulta tan necesario como oportuno. Un libro que hai que ler e discutir. «Reivindicación da liberdade fronte á nostalxia do autoritarismo», reza o clarificador subtítulo da obra. O autor, que foi secretario de Estado de Cultura co PP, formula dende a dereita unha rotunda crítica ao neoliberalismo e pensa con brillantez o presente e os seus problemas dende o liberalismo democrático, para distinguilo radicalmente do neoliberalismo autoritario.

O autor analiza as ameazas políticas e tecnolóxicas que sofren hoxe as democracias e identifica as combinacións que se producen entre ambas ameazas para mover as sociedades e os sistemas políticos cara a solucións autoritarias. Argumenta como a disciplina social asociada á automatización dos procesos e as vidas reduce o interese pola liberdade; como Ciberleviatán, representado por corporacións e tecnócratas, se alía con amplos sectores sociais na crítica á democracia por ineficaz e lenta, pouco útil para dotar de solucións rápidas aos problemas máis urxentes. A molestia da deliberación, da consulta, do voto e a opinión da sociedade, fronte á garantía de solución inmediata das autoridades tecnopolíticas. O libro é unha crítica intelectualmente desapiadada a esa idea cayetana de que o actual sistema chinés vén sendo o mellor medio para facer realidade as doutrinas das bussines schools nas que naturalizaron e vulgarizaron as ideas económicas do neoliberalismo de Thatcher e Reagan.

Importa explicar que está pasando para que na última década o número de democracias liberais do mundo se reducira nun vinte por cen. A pregunta de Lassalle, por que se está a dar este retroceso na democracia, é relevante. As respostas están a altura da pregunta. A diferenza dos empeñados en discutir ou negar un presente que non logran entender, el asume o século XXI e os desafíos ambientais e tecnolóxicos que ten diante a humanidade. A diferenza de tantos que negan o pensamento postmoderno, o mundo postindustrial e a globalización, el intenta explicalo e relacionalo coas derivas ideolóxicas autoritarias da dereita convertida en extrema e disfrazada de librecambista.

Todas as desviacións deste século empezaron a verse en 2001 e dende entón non fixemos máis que naturalizalas. Na crise de 2008 reflotouse o capitalismo ferido e malfeitor, acrecentando gravemente desigualdades sociais que até entón levaban reducíndose máis dun século. O andazo de 2020 foi o terceiro momento decisivo, despois de perder seguridade e benestar, a vulnerabilidade chegou á saúde. Os tres procesos combinados definiron as condicións nas que o medo pode levar as sociedades a ceder liberdade (e democracia) fronte á seguridade (e autoritarismo). Un ensaio oportuno no centenario da toma do poder por Mussolini no país onde tamén lembran o oitenta aniversario da creación do Partido de Acción.

Discrepo do libro, que entende o liberalismo como fundamento único das democracias, da súa idea de progreso ou da de populismo. A discrepancia fai aínda máis motivador a súa lectura.