O que os insultos revelan
OPINIÓN
É posible coñecermos unha sociedade simplemente a través dos seus insultos. Cada vez que escollemos unha palabra para dirixirlla a outro, coa pretensión de rebaixalo ou empequenecelo, revelamos os nosos códigos de valoración e, como consecuencia, o improperio di moito máis sobre quen o profire que sobre o seu destinatario. Poida que esteamos a aldraxar a alguén de xeito profundamente inxusto ou errado; mais a nosa aposta por aquilo que pretendemos ferinte é, sen dúbida, unha mostra significativa do que somos e da nosa concepción do mundo.
Os insultos están intimamente ligados ao imaxinario social. Gardan unha incuestionable relación cos discursos de dominación e subalternidade. Nenaza, maricón ou besta son agravios que se corresponden, respectivamente, cos códigos patriarcais, homófobos e especistas. A atribución funcional ás persoas dalgún tipo de discapacidade física ou psíquica foi, dende sempre, unha fonte prolífica de inxurias: anormal, subnormal, mongólico, tarado… Sería posible percorrer os distintos ámbitos da subalternidade; desde a raza á clase (paria, arrastrado…); do xénero á diversidade de orientación sexual, e atopariamos unha gama inmensa de afrontas: a radiografía da discriminación na nosa sociedade.
Como sabemos perfectamente os galegos, houbo que pelexar duro para conseguirmos que a RAE retirase da definición do noso xentilicio as acepcións de parvo ou tatexo, que se recollían aínda na edición do dicionario de 2001 atribuídas, respectivamente, ás áreas xeográficas de Costa Rica e El Salvador. É fondamente significativo que, naqueles contextos nos que os galegos chegaban como emigrantes marcados a ferro por unha subalternidade social e económica, o termo adquirise semellantes connotacións, ata case ter o valor pexorativo dun agravio. A discriminación do diferente explica a connotación asociada a termos como gabacho, guiri ou sudaca. Mesmo bárbaro ten unha orixe semellante de designación da alteridade con valor negativo. Eu mesma descubrín, con abraio (e xa case na idade adulta), que o termo cafre, que tantas veces escoitara designaba, en realidade, unha tribo africana e non deixaba, por tanto, de ser un uso lingüístico de base racista.
En realidade, ninguén está libre de caer no uso dun termo que, analizado, poñería en evidencia a quen, quizais alegremente e sen reflexión, se atrevese a proferilo. O ser humano, como ser social, interioriza o sistema de valoracións do mundo no que se desenvolve. Require grandeza, reflexión e autocrítica desautomatizar eses usos e facer o esforzo consciente de evitalos. Porque ao longo da nosa vida teremos oído miles de insultos machistas, homófobos e racistas, discriminatorios por razón de clase ou de procedencia, ou por non corresponder ao canon do socialmente aceptado e valorado. É o mesmo tipo de acto que tomar conciencia doutros puntos da linguaxe nos que se codifica a ideoloxía e mudala á vontade. Moita xente resístese á linguaxe inclusiva e ideoloxicamente consciente na defensa dunha naturalidade expresiva. Mais a espontaneidade remata facilmente nas moi populares descualificacións de puta e maricón, negro ou sudaca. Xa se conseguiu mudar a definición que de nós facía o dicionario da RAE; agora só nos falta mudarmos as mentalidades.