O Prestige da incompetencia

Lourenzo Fernández Prieto
Lourenzo Fernández Prieto MAÑÁ EMPEZA HOXE

OPINIÓN

Álvaro Ballesteros | EUROPAPRESS

15 nov 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Todas as autoridades políticas responsables da catástrofe do Prestige ascenderon. Todas. Lembrou estes días o xornalista X. M. Pereiro a chocante reafirmación política que coñeceron os que mandaron o barco ao quinto pino, ignorantes de que no Atlántico norte non había árbores. Tampouco a xustiza os tocou. O tribunal só condenou ao capitán Mangouras, a quen as autoridades acusaron desque aterrou en Alvedro de ser o único culpable. A reafirmación partidaria dos que cometen erros e desatinos políticos segue sendo unha das peores pexas da política española. A aparencia pode con todo e aquí finxir sempre é mellor que recoñecer. Se ninguén dimitiu, ninguén foi cesado e ninguén foi condenado, non pasou nada. Disimulemos, logo. Fagamos así coma quen.

Non deixa de ser pavero o asunto porque, por moito que se esforcen, vinte anos despois lembramos as caras, as palabras e as accións dos responsables e sabemos, sen moitas dúbidas, que pasou e por que se encheu de chapapote a costa. Sabemos que non foi o capitán o que marcou un rumbo errático do buque no medio dun temporal, primeiro cara o noroeste e logo en dirección suroeste, repartindo o piche por toda a fachada atlántica galega.

O desastre de hai vinte anos non foi causado pola natureza senón que a destruíu. Foi obra da absoluta incompetencia de quen tomou as decisións. Esa foi a palabra máis repetida naquelas masivas mobilizacións que lograron condicionar a desastrosa xestión e que levaron ás costas milleiros de voluntarios e voluntarias de todas partes. Peor que sós, os galegos estabamos tan mal acompañados que decidimos desfacernos do lastre. Entre o día 13 de novembro que comezou a emerxencia e o día 1 de decembro que se produciu a grande manifestación de Santiago, en toda Galicia medrou a indignación pública diante daquel disparate, abonda repasar as portadas deste xornal dos días 14, 15 e 16 para situarnos.

A incompetencia demostrada polas autoridades encargadas de xestionar aquela catástrofe foi de tal envergadura e a reacción social e política galega tan profunda que tivo como consecuencia máis elocuente o cambio de Goberno nas eleccións do 2005. A incompetencia das autoridades estatais e galegas do partido no Goberno mesturouse con desinterese e adobouse cunha manifesta vontade de enganar que levou ao PP a perder as eleccións. Non sería a última vez. No 2004 algúns daqueles responsables repetiron o intento de engano, demostrando que nunca da bo resultado a contumacia no erro e menos ascender a quen demostrara a súa incompetencia de palabra, obra e acción. Non recoñecer a propia responsabilidade pode servir nalgunhas relixións pero non na política.

O Prestige descubriunos que en Galicia, ademais de sós, estabamos mal acompañados. Decidimos cambialo e lográmolo. Tamén redescubrimos a natureza. Despois do desastre, a rápida recuperación das especies e dos ecosistemas mariños en pouco máis de dous anos revelounos a xoia natural sobre a que vivimos.