Pouco se ten escrito —quizais porque se sabe pouco— sobre as moitas amizades de Álvaro Cunqueiro en Madrid aló pola década de 1950 e seguintes. Porque, despois da súa etapa madrileña no ministerio de Asuntos Exteriores con Ramón Serrano Súñer na inmediata posguerra, o escritor nacido en Mondoñedo seguiu tendo unha relación privilexiada cos intelectuais máis recoñecidos que sobrevivían no novo réxime.
Un destes «pretextos para a xuntarse» eran as exposicións de pintura que, a partir de 1948, facía a artista Aurora Lezcano no seu palacete ou en prestixiosas galerías de arte. Nelas comparecían membros destacados da vida política e cultural, como Agustín de Foxá ou José Francés. Mais nese palacete comezou moi axiña a facerse unha magna tertulia frecuentada pola intelectualidade da época, na que figuraban, entre outros, José Ortega y Gasset, Gregorio Marañón, José María Pemán, Camilo José Cela, Eugenio D´Ors, Torcuato Luca de Tena, Josep Pla… e Álvaro Cunqueiro. Unha academia de ilustrados -á que se incorporou tardíamente Rafael Alberti- que mantiñan a mellor tradición dos antigos salóns literarios.
Nestas xuntanzas, que presidía a pintora, persoas destacadas da vida nacional disertaban e debatían nun ámbito de respeto, aínda que non de unanimidade. E todo isto durou moitos anos, porque a hospitalidade da pintora foi lendaria. E ela mesma permaneceu fiel á súa vocación de pintora ó longo dos anos e seguiu «endulzando as discrepancias» entre os contertulios, como ela mesma dicía ó cabo das reunións. Porque Aurora Lezcano facía da amizade un culto e isto contaxiaba ós asistentes.
Non existen referencias sobre as actitudes de Cunqueiro nestas reunións, pero sí de que compartía a vocación da pintora de «facer da amizade un culto». E, de feito, hai constancia da amizade persoal de Cunqueiro con moitos dos presentes, que admiraban nel o seu saber, real ou inventado. Porque Cunqueiro sempre soubo xogar nos límites da fantasía e foi un contertulio admirado e ocorrente, aínda que non sempre lle creran.