Adorable transistor

Xavier Alcalá
Xavier Alcalá A VOO DE TECLA

OPINIÓN

XOAN CARLOS GIL

02 dic 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

O invento do transistor mudou a historia da humanidade como ningún trebello tan pequeno. Cando iniciaba a súa existencia no laboratorio hai 75 anos, as telecomunicacións e a informática incipiente funcionaban a base de válvulas, lámpadas de vidro coma as da luz, de tamaño significativo, con filamentos e reixas, difíciles de fabricar, fráxiles e necesitadas de circuítos de alimentación complicados. Entre elas reinaba o tríodo.

O transistor veu ser coma unha cabeza de alfinete grande con tres patiñas; substituía o tríodo como amplificador e —¡oh, grande idea!— servía para xerar cadeas de valores de tensión identificables co «0» e o «1» da lóxica dixital; e todo iso nunha peciña de xermanio ou silicio con tres capas «drogadas» por outros elementos químicos. A partir dos anos 60 os transistores apareceron en aparellos tan populares coma as radios portátiles —por iso chamadas «transistores»— e iniciouse unha carreira mundial por integralos en pastillas, chips. Hoxe chips con ata 1 millón de microtransistores fabrícanse masivamente como as pastillas de medicamentos. A falta deses circuítos integrados, redes de comunicación e dispositivos electrónicos deixan de funcionar; sen eles non funcionaría nin de intelixencia artificial que se xa usa para deseñalos con novas funcións intelixentes.