
Ata a palabra é antiga. A sedición é un delito dezaoitesco que en España segue vixente. Carece de sentido. Só pola inercia dunha longa ditadura do século XX ese delito chegou ao século XXI. Contámolo nalgún artigo de hai anos así que é mellor non repetirse; dixemos daquela que non tiña parangón na Europa democrática de hoxe. Pasados os anos, a incapacidade do poder xudicial español para lograr a extradición de Carles Puigdemont de diferentes países parece amosar a veracidade da afirmación.
Os xuíces que buscaron nesa reliquia xurídica da sedición o modo de procesar aos responsables da fugaz declaración unilateral de independencia de Cataluña de 2017 non parece que atinaran. Buscouse ese delito para aplicar penas de cadea aos membros do Goberno da Generalitat porque o de rebelión era inaplicable. Aquela declaración foi en si mesma un fracaso, unha fuxida cara diante nunha carreira entre dous partidos cataláns, máis ben entre dous dirixentes que preferiron escachar os coches contra o muro antes que frear a tempo.
Cinco anos despois, con outros dirixentes ao mando dos gobernos, con penas de cadea cumpridas por un delito imposible de homologar e con varios políticos cataláns que nunca serán extraditados por un delito que non existe ao norte dos Pireneos, a maioría parlamentaria disponse a eliminar o tal delito. Non é sen tempo.
A acción tumultuaria que se describe como sedición é un motín como o de Aranjuez ou o de Esquilache. A acción de impedir a aplicación das leis á que fai referencia o Código Penal baixo ese título é un acto de insubmisión ou protesta moi común en democracia, o que no quere dicir que sexa legal. Como cando Rosa Parks se sentou nun banco reservado aos brancos nun autobús de Alabama ou cando os obxectores de conciencia rexeitaron incorporarse ao servizo militar en España. Como cando a veciñanza de Nebra, en Porto do Son, rexeitou en 1916 un imposto extraordinario e lesivo, como cando algúns activistas intentan evitar un desafiuzamento ou algúns ecoloxistas se encadean contra o quecemento global.
Eliminar a tal sedición, que só aquí existe, serve ao búnker de sempre para unha sobreactuación digna de mellor causa. A máis destacada, como sempre, foi a de Isabel Díaz Ayuso, capaz de eclipsar en teatralidade a toda a extrema dereita madrileña para así intentar representala nas vindeiras eleccións autonómicas. No seu último auto de fe, a conta da celebración da Constitución, dividiu o mundo entre fieis e infieis, na mellor tradición da Inquisición, moi en liña cos tempos en que os actos tumultuarios palacegos cambiaban reis e gobernos. Feijoo vai ter que agardar que Ayuso perda as eleccións de maio para camiñar pola senda da homologación coa dereita europea; non o vexo eu na cruzada contra o infiel que acaba de declarar a presidenta madrileña. Ou si?