![Craig Patterson, en una imagen de hace unos años](https://img.lavdg.com/sc/r3CROWXsKJbPBDey7PFO8qVbGfo=/480x/2022/12/10/00121670680802635926584/Foto/D23M4701.jpg)
En moitas entrevistas, cóntanos Craig Patterson o abraio que lles causa a algúns paisanos nosos oílo falando en galego, sendo, incluso, relativamente habitual que lle pregunten por que o fala. A causa da sorpresa está, sen dúbida, na súa evidente condición de estranxeiro, sinalada polo seu físico e o seu acento, inequivocamente británicos. Eu mesma tiven a fortuna de coñecelo en persoa, no congreso da Asociación Internacional de Estudos Galegos, que se celebrou en Gales, o seu fogar, e podo asegurar que escoitalo falar no noso idioma produce unha fonda emoción, un sentimento que cala no corazón e que podería definirse como «vínculo atlántico».
En realidade, coma case sempre, o máis interesante é a resposta que Patterson lle dá a esa cuestión que tantas veces lle formulan: el, con ese acento tan identificativo dos que teñen o inglés como primeira lingua cando falan outras, responde con outra pregunta: «E ti por que non o fas?» E esa breve resposta, tan aparentemente inxenua, encerra un tesouro sociolingüístico.
Falarmos galego na nosa terra debería ser unha tautoloxía; o lóxico, o normal, é expresármonos na nosa lingua. Mais os que nacemos aquí sabemos ben que a realidade é moito máis complexa. Nos últimos anos, nin sequera abonda con que sexa a lingua familiar, porque, mesmo neste caso, a escola, os medios de comunicación e os contextos de uso social tenden a empurrarnos cara ao idioma hexemónico. Falarmos a nosa lingua está a converterse, cada día máis, nunha escolla consciente: a de quen entende que protexermos a diversidade lingüística e cultural do mundo pasa por coidarmos das linguas propias; a daqueles que defenden o dereito a existir do que é máis pequeno (en número de falantes, que non en dignidade nin en capacidade expresiva) e apostan pola multiculturalidade enfrontándose ao imperialismo.
O galego precisa dos neofalantes, xa sexa porque veñen de fóra e adoptan o idioma propio do territorio que os acolle ou porque, por diversas circunstancias, no pasado adoptaron o castelán. Quen chega ao galego, sexa desde o castelán ou, coma Patterson, desde o inglés, necesariamente terá a súa pegada propia. Mais a competencia lingüística adquírese co uso. Hai que primar a eficacia comunicativa e abandonar a procura dunha suposta perfección que non leva a ningures. Co emprego, virá a habelencia; coa lectura e a fala, chegará o momento en que tamén a eses falantes lles renxan os tempos compostos ou os pronomes mal colocados. As linguas son entes vivos que se fan en cada falante. O galego ten polo mundo unha rede espallada de lectorados. En Gales, en Bangor, en Oxford, en New York, en Kiel, Berlín ou Salamanca, hai xente que estuda o noso idioma e o fala co seu propio acento.
Falar galego, como decisión, é un acto de amor, e aos actos de amor non se lles pide perfección, son fermosos de seu.